A CASA DE CULTURA ACOLLERÁ UNHA XORNADA SOBRE A CASTAÑA DE GALICIA PARA SACAR UN MAIOR APROVEITAMENTO DOS MONTES. SERÁ O VINDEIRO XOVES NA CASA DE CULTURA
Lourenzá, 20 de outubro de 2012. Este vindeiro xoves, día 25, ás oito da tarde na casa de cultura de Lourenzá haberá unha xornada divulgativa da marca de calidade Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia. Anunciouno hoxe a alcaldesa, Emma Álvarez, quen explicou que “en aras de ofertar alternativas á xente do concello de Lourenzá e sobre todo tendo en conta o potencial que ten o noso monte imos ter esta xornada coa que pretendemos dar a coñecer outras alternativas que pode haber para a terra e sobre todo para o noso monte, novas formas de investigación e novas maneiras de sacar un rendemento económico a terras que a día de hoxe non se lles está sacando potencial para o proveito que teñen”.
Emma Álvarez aclarou que na charla “aparte de falar do que é o castaño para froito e de novas formas de comercializar tamén se vai facer fincapé na produción, sobre todo en algo que a min me parece importante, que son as sociedades de fomento forestal, unha das medidas que ten a nosa comunidade a día de hoxe precisamente para fomentar que non haxa monte improductivo no noso territorio e concretamente no concello de Lourenzá”.
Sobre as sociedades de fomento forestal a alcadesa explicou que “son agrupacións voluntarias de propietarios forestais para facer unha xestión conxunta das súas terras e trátase de darlles a alternativa do castaño para froito como unha posibilidade de produción máis”.
Na xornada do xoves falarase de diversas cuestión relativas á producción e da comercialización da castaña, das axudas que hai e daranse a coñecer exemplos de xestión en Francia e Portugal.