Site icon Crónica3.com A Mariña

¡É a economía estúpido!

¡E A ECONOMÍA ESTÚPIDO¡

Esta frase “The economy, stupid”- fíxose moi popular como parte da campaña de Bill Clinton na súa loita contra George Bush. Tratábase de achegarse máis aos votantes, aos seus problemas económicos, ás súas dificultades, centrar na recuperación económica do país toda a súa campaña electoral.

Agora, en España, o seu sentido cambiou. Cando asistimos aos debates políticos que actualmente saen como churros é doado escoitar a tertulianos concienciados que debullan a lista de agravios que o español da rúa ten en contra do Goberno, como se pode rescatar con tanto diñeiro aos Bancos mentres a xente suicídase por culpa deses mesmos bancos que lles quitan a súa casa, como se pode consentir os recortes que se están producindo en Educación e Sanidade, a perda de dereitos grazas a unha reforma laboral redactada en unha noite de tronos e en fin toda unha serie de medidas que nos están levando á desesperación e á pobreza? E entón, o tertuliano de dereita mira con cara de condescendencia ao seu compañeiro de esquerda e dille: ¡¡É a economía, estúpido!!

A economía para eles xustifícao todo, víronse obrigados a facer todas esas barbaridades porque temos unha débeda que temos que pagar e cando se pague, todo volverá ser como antes. Pois ben, eu dígolles tan alto como podo: ¡¡É a ideoloxía, estúpidos!!

Detrás do copago sanitario que tanto prexudicou aos pensionistas, detrás da exclusión dos emigrantes da Sanidade, dos recortes en materiais, en médicos e enfermeiros, en quirófanos, detrás dos intentos de facer pagar as mamografías que tantas vidas de mulleres salvaron, está a vontade política de que a Sanidade Pública sexa tan mala que todo o que poida vaia tratarse á privada, creando dúas Españas, a que pode curarse e a que non. Iso é ideoloxía ultraliberal, o mundo está ben cando só hai ricos e pobres.

Detrás dos recortes en bolsas, en comedores de colexio, en profesores, das taxas universitarias abusivas, dos transportes escolares, escóndese a vontade de que o ensino público sexa tan malo ou tan caro que a mocidade que saia deses colexios será man de obra barata e só os moi ricos que poidan custearse colexios e universidades privados constituirán a forza empresarial e política deste país. Iso é ideoloxía de dereita liberal.

Detrás das novas taxas xudiciais non se pretende só recadar diñeiro, que tamén, senón que as clases máis baixas da nosa sociedade se véxan indefensos ante os atropelos e inxustizas, iso tamén é ideoloxía liberal.

Detrás dos desafiuzamentos, da lei do aborto, do intento de acalar as protestas por lei, da chulería dalgúns ministros, da criminalización dos sindicatos, detrás de… detrás de……detrás de…….

Todas esas medidas que se están tomando en nome da crise esconden o soño dos ultraliberales dunha sociedade nova, sen sindicatos, sen protestas, cunha elite política e económica forte e unha clase traballadora case escravizada, sen clase media.

Non, non é a economía, ¡¡¡é a ideoloxía, estúpidos!!!

Otero Regal

Exit mobile version