A BANCA CONTENTA
O decreto de Rajoy chegou aos bancos como “agüita de maio”, pois suspéndense os desaloxos, con condicións inmellorables para eles, durante 2 anos. Nesa pausa de 24 meses non só a débeda dos cidadáns seguirase xerando, senón que os elevados intereses de demora continuarán aumentándoa. Con outras palabras, os bancos non terán que darse présa en recuperar vivendas sen posibilidades de venda, porque os seus dereitos económicos quedan garantidos.
Para acollerse as persoas á paralización temporal dos desafiuzamentos requírese unha retribución non superior a 19.000 euros ao ano e que a cota da hipoteca supoña máis do 50% dos ingresos. Así que en caso de atoparse vostedes, lectores, entre os afortunados de gañar menos desa cantidade e de pagar unha hipoteca tan alta, metan nunha hucha-porco como mínimo a metade dos ingresos, se os tiñesen, que non lles chega para vivir e así ter con que pagar parte da débeda ao cabo dos dous anos. Deste xeito disporán da posibilidade de seguir un tempiño máis nas súas casas, non importa que a situación agrávese con toda seguridade aos 24 meses de cumprirse o prazo.
De todas as maneiras, non se fagan ilusións. Ademais dos ingresos, o decreto de Rajoy ten en conta as cargas familiares. Dá igual a cantidade que vostedes cobren. Se teñen menos de tres fillos que non sufran discapacidade, serán igualmente desaloxados das súas vivendas. Tamén as nais solteiras cun fillo, así como os pensionistas non dependentes e sen outras cargas familiares. ¡Como non ían os bancos, logo de tanto sufrimento, a fregarse as mans!
Otero Regal