A Banda Municipal de Ribadeo celebra o seu 20 aniversario
Este sábado estréase o documental 20 anos de banda. Miña.Túa.Nosa que percorre a historia da formación.
A repertorio está formado por pezas interpretadas no primeiro concerto.
Ribadeo, novembro 2012. A Banda Municipal de Ribadeo (BMR) está de aniversario. Cúmprense 20 anos dende aquel primeiro concerto ofrecido o 25 de xaneiro de 1992 na Igrexa Parroquial de Ribadeo. Para conmemoralo, a BMR ofrecerá un concerto este sábado, 24 de novembro, ás 20.30 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval, baixo a batuta de David Ballester. No mesmo interpretaranse sete das obras que a formación ribadense ofreceu naquela primeira actuación.
Asimesmo tamén se fará a presentación pública do documental 20 anos da banda. Miña. Túa. Nosa. producido pola asociación Amadores da Música, guionizado polo xornalista e músico da BMR Suso López e realizado por “El Farero”. Un traballo no que, da man de persoas que formaron e forman parte da BMR se fai un percorrido polo que foron estes 20 anos de banda en Ribadeo.
Unha homenaxe a quen fixo e fai posíbel a BMR
“Queremos que sexa unha homenaxe a todas aquelas persoas que dun xeito ou doutro fixeron posíbel que hoxe, vinte anos despois, sigamos gozando deste marabilloso proxecto que é a Banda Municipal de Ribadeo”, sinalou Enrique González, presidente de Amadores da Música.
González fixo fincapé en amosar o seu máis profundo agradecemento “a aquela primeira xunta xestora que a finais dos 80, con ilusión e moito máis esforzo e traballo, se embarcou nesta aventura de onde abrollou a Banda Municipal de Ribadeo”.
Aproveitou tamén para recoñecer o traballo “incansábel” en prol da BMR de “Hernán Naval, das diferentes directivas de Amadores da Música, directores que viñeron tralo recolleron a batuta tralo pasamento de Hernán, aos gobernos municipais que confiaron neste proxecto e máis da vila de Ribadeo que respaldou e respalda a formación ao longo destes vinte anos”.
Este é o penúltimo concerto do ano da formación ribadense. Como vén sendo habitual o peche ao 2012 faráo co seu tradicional concerto de Nadal: “Aquí como en Viena”.