Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación activa un Plan Invernal na rede viaria provincial

A Deputación activa un Plan Invernal na rede viaria provincial con máis de 100 operarios, 50 vehículos e 360 toneladas de sal

– A institución xestionará a obrigatoria actualización do catastro a 32 Concellos, que quixeron sumarse a esta liña de cooperación para aforrar custes e garantir novos ingresos nas arcas locais

– A Xunta de Goberno aproba a contratación con fondos europeos dunha caldeira de biomasa para o Consistorio da Fonsagrada e dun sistema de captación solar térmico para a piscina de Monterroso para reducir as facturas enerxéticas de ditos municipios e as emisións de CO2

– A Deputación achega 22.000 euros á Pontenova para manter aberto o Punto de Atención Infantil, o único nesta zona da Mariña para nenos de 0 a 3 anos, tras o “desmantelamento” de Preescolar na Casa

– Martínez destaca o apoio da Deputación ás protestas dos avogados pola suba de taxas xudiciais, “que fará que teñamos unha xustiza para ricos”, así como á folga xeral do vindeiro 14 de novembro

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou hoxe que na Xunta de Goberno deste venres deuse conta do remate das obras de reparación do silo de sal da Fonsagrada, que rexistrara unha rotura. Martínez destacou que con estes traballos, dotados de 15.370 euros, a Deputación activa de xeito inmediato na rede viaria provincial o Plan Invernal 2012-2013. “Contamos cun amplo dispositivo, composto por 102 operarios e 54 vehículos, despregados por toda a rede viaria provincial, a máis extensa de España, superando os 4.000 quilómetros”, subliñou.

Tanto este persoal como os medios técnicos, atópanse xa distribuídos nas 8 zonas nas que a Deputación dividiu a rede viaria co fin de actuar coa máxima axilidade en caso de temporais ou sucesos puntuais, e para conservar e manter as estradas provinciais a punto a cotío. O seu reparto, que se fixo tendo en conta as necesidades, é o seguinte:

– Na zona 1, con 530 quilómetros, que discorren polos Concellos do Vicedo, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba, contan con 15 operarios e 7 vehículos.

– Na zona 2, con 618 quilómetros polos municipios do Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova, hai despregados 24 operarios e 10 vehículos.

– Na zona 3, con 668 quilómetros, que comprenden Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla, ten 8 traballadores e 4 máquinas.

– Na zona 4, con 680 quilómetros en Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela, hai 8 operarios e 4 vehículos.

– Na zona 5, con 332 quilómetros, que atravesan Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna, conta con 15 traballadores e 7 vehículos.

– Na zona 6, con 334 quilómetros, que discorren por Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita, hai 8 operarios e 8 máquinas.

– Na zona 7, con 313 quilómetros polos Concellos de Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil, conta con 18 traballadores e 10 vehículos.

– E na zona 8, con 738 quilómetros, que atravesan Bóveda, Pobra do Brollón, Monforte, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo, hai 6 operarios e 4 máquinas.

12 saleiros

A maiores, o organismo conta con 12 saleiros, situados noutros tantos municipios. Concretamente, en Cervantes, Becerreá, O Courel, Ribas do Sil, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Riotorto, O Incio, Ourol, O Valadouro, Pedrafita do Cebreiro e Lugo. Na actualidade, están cheos con 360 toneladas, 30 toneladas en cada silo. Ademais, “temos vixente un contrato duns 20.000 euros para a adquisición doutras 250 toneladas de sal en caso de necesidade”, indicou o tamén Deputado de Xestión Territorial.

Actualización do Castrato por Lei

A sesión aprobou o proceso de contratación dos traballos de actualización do castastro inmobiliario, que a Deputación realizará nos 32 Concellos da provincia que, de xeito voluntario, se sumaron a esta liña de cooperación municipal da institución provincial. Martínez explicou que se tratan dunhas actuacións que os Concellos están obrigados a realizar por lei, segundo o Real Decreto Lexislativo 1/2004 do 5 de marzo, para as que “non teñen nin persoal especializado, nin recursos económicos para acometelas”. Por este motivo, a Deputación asume este labor, achegando para elo 200.000 euros. Esta cantidade permitirá que unha empresa, sempre en colaboración cos Concellos, xa que son eles os que deben facilitar a documentación, den de alta no rexistro do Catastro as novas construcións, ou ben actualicen o valor das xa existentes tras as reformas ou ampliacións realizadas.

A Deputación non se lucra

Neste senso, o voceiro aclarou que a Deputación non se lucra, de ningún xeito, nin asumindo estes traballos de actualización do Catastro nin, posteriormente, recadando os impostos municipais que, os propios Concellos, delegaron na institución provincial. A Deputación é unha mera xestora, que realiza estas actuacións coa documentación e taxas municipais que os propios Concellos aprobaron nas súas respectivas ordenanzas municipais. É dicir, a institución reduce ós municipios a carga administrativa, que lles supoñen estes traballos. Ademais, o organismo provincial ingresa mes a mes o anticipo dos impostos -de facelo por conta propia non terían estes cartos ata final de ano-, ó tempo que reduce do 6% ó 3% a porcentaxe que os Concellos teñen que aboar por este servizo. Hai que ter en conta que a Deputación nin tan sequera cubre os gastos que lle supón ofrecer esta prestación. “É importante destacar isto porque Alcaldes do PP, politicamente covardes, asegúranlles ós veciños que é a Deputación a que lles cobra os impostos e non é así. Son os Concellos os que establecen as taxas, que este ano se incrementaron por imposición do Goberno Central, e tamén son os municipios os que reciben estes cartos. Nós só asumimos un labor que os Concellos teñen que facer por lei e para o que non teñen medios nin cartos”.

Vantaxes

Martínez destacou as vantaxes que lles supón a estes 32 Concellos a actualización do Catastro por parte da Deputación:

1º.- Os Concellos aforrarán custes xa que non terán que contratar unha empresa de xeito individual para a actualización obrigatoria do Catastro. Por exemplo, se un municipio como o da Fonsagrada tivese que contratar estas actuacións por conta propia tería que adiantar uns 35.000 euros á empresa adxudicataria. Sen embargo, dentro da aposta da Deputación polos acordos marco para o aforro de gastos, a institución contrata estes traballos en 32 municipios por valor de 200.000 euros. É dicir, o organismo provincial adianta ás entidades locais estes cartos porque logo sonlles retraídos das liquidacións tributarias resultantes. Pero ademais tamén reducen custes porque co contrato da Deputación o prezo deste servizo é moi inferior. “Insisto, o organismo provincial non se lucra. Nin tan sequera cubre gastos, ó contrario, redúcellos ós Concellos”, salientou.

2º.- Os Concellos acadarán novos recursos económicos, ó ter o valor catastral de todos os bens inmobles dos seus municipios que deberán tributar, tal e como esixe a Lei, o Imposto sobre Bens Inmobles. O IBI é o tributo principal das entidades locais, ó supor máis do 50% dos seus ingresos por impostos. Por exemplo, o ano pasado, o IBI supuxo uns 400.000 euros para Abadín e Mondoñedo.

11 Concellos máis

O ano pasado, foron 21 os Concellos que se sumaron a esta iniciativa. En 2012, a cifra increméntase en 11 municipios, “cifra que avala os beneficios que supón este servizo”. Os Concellos adheridos son: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baralla, Becerreá, Begonte, Bóveda, Castro de Rei, Cervantes, Guntín, Meira, Mondoñedo, Navia de Suarna, Pantón, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, A Pobra do Brollón, A Pontenova, Portomarín, Rábade, Riotorto, Samos, O Saviñao, Sober, Trabada, Triacastela, O Vicedo, Xermade e Xove.

Aforro de custes con instalacións sostibles

Dentro da aposta polo medioambiente ambiente e o aforro de custes correntes da Deputación, a Xunta de Goberno aprobou a posta en marcha dos procesos de contratación de dúas instalacións sostibles: unha caldeira de biomasa para a nova Casa Consistorial da Fonsagrada por valor de 71.800 euros, cofinanciados nun 80% pola Unión Europea. É dicir, 57.400 euros son fondos comunitarios de Lug02 e 14.300 son fondos provinciais. Trátase dun sistema pioneiro, que permitirá reducir a factura enerxética do Consistorio, así como favorecer a diminución de CO2, ó abastecerse de recursos renovables non contaminantes. A outra próxima adxudicación acordada é un sistema de captación solar térmico para a piscina do novo pavillón multideportivo da Ulloa, situado en Monterroso, por valor total de 143.800 euros, cofinanciados nun 80% por fondos comunitarios. Son 115.000 euros os que achega a Unión Europea, tamén do Lug02, e 28.800 euros da Deputación. Con esta actuación, instalaranse paneis solares neste complexo para o abastecemento de auga quente, reducindo custes enerxéticos e coidando o medioambiente.

Mantemento do PAI na Pontenova

Martínez destacou que “dentro da nosa aposta pola educación pública e a conciliación laboral e familiar”, a sesión acordou conceder unha subvención ó Concello da Pontenova para o Punto de Atención á Infancia. Trátase dunha axuda de 22.000 euros, que permitirá a este municipio manter abertas estas instalacións, que o Concello puxo en marcha no mes de setembro, e nas que xa se atenden a unha decena de nenos de entre 0 a 3 anos na actualidade. O voceiro destacou que “este Punto de Atención Infantil é fundamental para as familias desta zona da Mariña logo da supresión de Preescolar na Casa, programa que desmantelou a Xunta, e tendo en conta que non existe ningún servizo semellantes nin en Riotorto ou Trabada, que son os Concellos máis próximos ó pontenovés”.

Apoio ós avogados e á folga xeral

Martínez remarcou o apoio da Deputación á folga xeral do vindeiro 14 de novembro e á concentración dos avogados que tivo lugar esta mesma mañá en repulsa da nova lei de taxas xudiciais do Goberno Central. Ó respecto, o voceiro subliñou que “estas taxas xudiciais son un novo ataque do Partido Popular á igualdade de dereitos dos cidadáns. Isto vainos levar a ter unha xustiza só para ricos porque moita xente verase obrigada a prescindir deste servizo. Ademais, moitos destes profesionais perderán os seus empregos ou marcharán das zonas rurais, favorecendo o despoboamento”

Exit mobile version