Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación asegura que o goberno central deixa a preto de 2.000 lucenses sen servizo de teleasistencia

O GOBERNO DO ESTADO DEIXA A PRETO DE 2.000 LUCENSES SEN SERVIZO DE TELEASISTENCIA DOMICILIARIA

Antonio Veiga denuncia que as razóns esgrimidas polo Executivo de Mariano Rajoy son arbitrarias e unha escusa máis para deixar desprotexidos a milleiros de maiores

Vicepresidencia da Deputación urxe á Xunta de Galiza a asumir o 65 por cento do custe deste servizo, valorado positivamente polos usuarios, as súas familias e os traballores sociais

‘Unha vez máis queda en evidencia que as políticas do Partido Popular son alleas á realidade e contrarias ás demandas da sociedade’

Lugo, 7 de novembro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e delgado provincial de Benestar Social e Turismo, Antonio Veiga, amosou, hoxe, o seu rexeitamento á decisión do Goberno central de suprimir dos orzamentos xerais do Estado para 2013 a partida destinada ao servizo de teleasistencia domiciliaria e a súa preocupación polas ‘nefastas consecuencias’ que esta medida terá para as persoas maiores, sobre todo do rural galego.

Antonio Veiga denunciou que ‘os criterios aducidos polo Goberno central ao respecto, a aplicación de criterios de racionalidade e eficiencia administrativa, son absolutamente subxectivos e unha escusa máis para deixar desprotexidos a milleiros de persoas maiores de 65 anos.’

Segundo os datos da Vicepresidencia da Deputación esta ‘decisión arbitraria’ do Executivo deixa a máis de 1.589 lucenses sen un servizo valorado positivamente tanto polos propios usuarios e usuarias, que ante calquera adversidade saben que serán atendidos con brevidade, como polas súas familias e os traballadores e traballadoras sociais.

‘Ademais –insistiu o delegado provincial-, o servizo de teleasistencia ten a vantaxe de que funciona nun radio de acción maior ao do fogar, favorecendo a confianza dos usuarios e usuarias no servizo así como a posibilidade de que poidan seguir mantendo certo grado de independencia a pesar da idade.’

Veiga tacha de ‘irresponsábeis ao presidente Mariano Rajoy e á ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Ana Mato, por presentar uns orzamentos cunha medida que deixa desatendida a unha parte importante da poboación lucense. Unha vez máis, demóstrase que as políticas do Partido Popular non responden á realidade porque do contrario non rematarían con este servizo de teleasistencias domiciliaria, xa que son sabedores de que en comunidades como Galiza o avellantamento medra catro veces máis que a media estatal e que provincias como Lugo e Ourense teñen, xunto con Xapón, o maior envellecemento mundial.’

A Vicepresidencia da Deputación comprométese a seguir aportando o 35 por cento do custe do servizo e pide á Xunta de Galiza que asuma o 65 por cento restante e que até o de agora asumía o ministerio a través do INSERSO. ‘Núñez Feijóo ten unha nova oportunidade para demostrar o seu compromiso coas políticas sociais e cos maiores asumindo a prestación do servizo de teleasistencia domiciliaria’ – sentenciou Antonio Veiga.

Exit mobile version