A ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN COLABORA NA ORGANIZACIÓN DAS XORNADAS DE TEATRO DE CERVO
Antonio Veiga destaca a importancia destas sesións en canto a que supoñen unha oferta de ocio no medio rural e serven como elemento de promoción da lingua galega
Os grupos de teatro mariñáns Axóuxeres, Ardora, A Adala, Raiolas, e O Bordelo porán en escena as súas obras os días 1, 2, 6, 8 e 9 de decembro, respectivamente
Cervo, 29 de novembro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou, hoxe pola tarde, na presentación das Xornadas de Teatro de Cervo, que están organizadas pola Asociación de Montes Comunais de Vilaestrofe e pola Asociación de Mulleres Rurais “As Espalladoras”, en colaboración coa área de Cultura do ente provincial.
Estas sesións teatrais celebraranse os días 1, 2, 6, 8 e 9 de decembro, todas elas ás 19:00 horas, no pavillón de deportes de San Román de Vilaestrofe. Actuarán o grupo “Axóuxeres”, de Vilaronte, que interpretará as obras “Véndese unha mula” e “A Pousada”; o grupo “Ardora”, de San Cibrao, que porá en escena “Acernos”, escrita por Francisco Piñeiro; o colectivo “A Adala”, de Fazouro, coa obra “Atoades”; o grupo “Raiolas”, de Alfoz, coa obra “O Chufón”, de Xesús Rodríguez Vázquez; e o grupo de teatro “O Bordelo”, de Cervo, que interpretará a obra “Fume de Carozo”, escrita e dirixida por Francisco Piñeiro.
Para Antonio Veiga, “estas xornadas teatrais cumpren un dobre cometido: supoñen unha oferta de ocio cultural no medio rural e serven como elemento de promoción da lingua galega, dous obxectivos que nos marcamos dende a Vicepresidencia da Deputación”.
A organización de actividades deste tipo demostran a aposta da área de Cultura do ente provincial aínda en tempos de crise. “Fai falta moito teatro, fai falta moita arte nestes tempos que estamos a vivir para formar espírito crítico na sociedade e nos colectivos que traballan no ámbito da cultura”, concluíu o vicepresidente.