Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación colaborará na mellora das instalacións do asilo de Ribadeo

A XUNTA DE GOBERNO DA DEPUTACIÓN APROBARÁ MAÑÁ UN CONVENIO DE COLABORACIÓN DE MELLORA DAS INSTALACIÓNS DO HOSPITAL ASILO DE RIBADEO

Antonio Veiga sinala a importancia de investir en Benestar Social nunha localidade onde o colectivo das persoas maiores supera o 20% da poboación

Lugo, 15 de novembro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, anunciou, hoxe, que a Xunta de Goberno da institución provincial que se celebra mañá, aprobará un convenio de colaboración entre a Área de Benestar Social e o concello de Ribadeo para mellorar as instalacións da Residencia Municipal Hospital – Asilo San Sebastián e San Lázaro.

Dito convenio é consecuencia da visita que o pasado mes de setembro realizaron a esta Residencia o delegado provincial de Benestar Social, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e a concelleira de Saúde e Servizos Sociais, Teresa González, e na que mantiveron un encontro con membros da dirección do centro na que valoraron a posibilidade de levar a cabo este convenio e como lle están a afectar os recortes que en materia de servizos sociais aprobaron os gobernos central e autonómico.

Veiga xustifica dito convenio na necesidade de garantir o benestar dos maiores sobre todo nun momento como o actual “no que xa se notan as consecuencias dos recortes na Lei de Dependencia aprobados polo Goberno do Estado e que, a pesar de ser criticados pola Xunta, esta os está a aplicar; e no que ademais a rebaixa do 15 por cento na axuda que perciben os coidadores, a súa exclusión da Seguridade Social e o copago que deben asumir os dependentes para poder recibir determinados servizos sociais, están a empeorar a calidade de vida deste colectivo que, representa máis do 20% da poboación da localidade”.

Dende a Vicepresidencia da Deputación insístese en que “Lugo precisa de medidas de discriminación positiva en canto é a provincia coa maior taxa de dependentes de toda a comunidade. Case un 12 por centro dos fogares lucenses teñen algún dependente, preto de 3 puntos máis que a media galega, polo que as consecuencias dos recortes fanse notar de xeito máis virulento”.

Exit mobile version