Site icon Crónica3.com A Mariña

Representantes da Deputación destacan o compromiso ideolóxico e o humanismo de Leiras Pulpeiro

O VICEPRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DESTACA O COMPROMISO IDEOLÓXICO E O HUMANISMO DE LEIRAS PULPEIRO

Antonio Veiga inaugurou as primeiras xornadas de poesía dedicadas á figura de Leiras, que se celebran, esta fin de semana, na Casa da Xuventude de Mondoñedo, baixo o lema “O poeta e o cidadán ao cabo dun século”

‘Nenia a Manuel Leiras Pulpeiro’, de Xurxo Martínez, foi a obra gañadora do certame de poesía convocado no marco destas xornadas que pretenden ser unha homenaxe ao poeta no centenario do seu pasamento

Mondoñedo, 9 de novembro de 2012. O vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, foi o encargado de inaugurar as primeiras Xornadas de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro: “O poeta e o cidadán ao cabo dun século” que se celebran, na Casa da Xuventude de Mondoñedo, dende hoxe e ata este domingo 11 de novembro, e coas que se pretende homenaxear a Leiras no centenario do seu pasamento.

Na súa intervención, Antonio Veiga puxo en valor a esta figura da literatura galega, explicando que “a frase que está gravada no mausoleo de Leiras Pulpeiro: ‘Amou a verdade e practicou o ben’ define á perfección como era este médico, poeta, republicano convencido, anticlerical, home de ben e galego exemplar”.

O vicepresidente destacou o feito de que “defendeu a República e o federalismo galego dende os seus textos pero tamén como presidente do Comité Republicano Federal de Mondoñedo Liberal, coa sinatura do Pacto Federal Astur Galego de 1869 ou como asinante, en 1887, en Lugo, do Proxecto de Constitución para o Estado Galaico, o cal sería o noso primeiro Estatuto de Autonomía”.

“Sen embargo, – continuou Veiga- o compromiso e a fidelidade aos seus principios foi máis aló do eido político. Leiras Pulpeiro é recordado como ‘médico dos pobres’ pola súa humanidade e polo seu compromiso cos máis débiles; comportamento que choca, frontalmente, coas políticas de recorte que se aproban na actualidade e que merman a calidade da sanidade pública e intensifican as desigualdades e a fenda existente entre ricos e pobres e ás que, con total seguridade, este minodoniense, rexeitaría”.

Durante os tres días que duran estas xornadas, estudosos e analistas como Xesús Alonso Montero, Xusto Beramendi González, Francisco Fernández Rei, Xe Freyre, Xosé Manuel González Reboredo, Antón Meilán García, María Camiño Noia Campos, Antón Reigosa, Ramón Reimunde, Dolores Sánchez Palomino ou Anxo Tarrío, entre outros, lembrarán a vida e obra do insigne escritor e presentaranse novas edicións da súa obra, que levaba preto de vinte anos fóra do mercado, o que dá idea da oportunidade da súa reedición.

Neste senso, o vicepresidente do ente provincial sinalou que “despois de cen anos, a figura de Leiras Pulpeiro segue a estar de actualidade e por iso, nestas xornadas non só se analizará a súa obra, na que se amosaba o súa paixón e a súa preocupación por un sector económico que segue a ser fundamental para a comarca da Mariña e para Galiza, como é a pesca, senón tamén a vixencia da súa figura”.

I Premio de Poesía Leiras Pulpeiro

No marco destas xornadas convocouse o I Premio de Poesía Leiras Pulpeiro, unha iniciativa do Concello de Mondoñedo que se levou a cabo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Antonio Veiga foi o encargado de entregar os premios aos gañadores, nun acto celebrado hoxe pola mañá, no salón de plenos do Concello. O primeiro, dotado con 1.500 euros, recaeu en Xurxo Martínez González, que presentou a obra “Nenia a Manuel Leiras Pulpeiro”; o segundo, con 600 euros, foi para Ramón Sandoval Pérez, con “Cicatrices do insomnio”, e o terceiro, con 300 euros, para Olalla López Barro, con “O corpo indomábel”.

Neste acto, o vicepresidente do ente provincial calificou a Leiras como “un poeta de léxico vivo, inxustamente esquecido” e explicou que “desde a Vicepresidencia da Deputación provincial de Lugo, na medida do posible, seguiremos apoiando calquera iniciativa que permita recuperar o seu valioso legado, como xa o fixemos coas “V Xornadas do Peregrino”, dedicadas ao autor mindoniense, no pasado mes de xullo. O Camarada do xénero humano merece máis ca nunca ser modelo a seguir para avanzar cara a xustiza social e a igualdade”.

Regina Polín entrega ós participantes nas Xornadas Arredor de Leiras Pulpeiro o DVD que realizou a TIC sobre o autor

– O traballo audiovisual, que gravaron e editaron os bolseiros da Escola de Imaxe e Son para incrementar a súa formación práctica, recolle a vida e obra de Leiras Pulpeiro

– Polín destaca que “a Fundación TIC ten un labor social. Con este DVD buscamos potenciar no exterior a riqueza cultural, dinamizando a economía e gañando todos”

A Patrona da Fundación TIC e Deputada provincial, Regina Polín, entregou este venres ós participantes nas Xornadas Arredor de Leiras Pulpeiro, que se celebran esta fin de semana en Mondoñedo, o DVD que recolle a vida e obra do escritor mindoniense, gravado e editado polos bolseiros da Escola de Imaxe e Son de Lugo e persoal técnico da Fundación TIC. Este traballo audiovisual levouse a cabo en colaboración con dito Concello mariñano co obxetivo de poñer en valor a traxectoria do autor e médico Leiras Pulpeiro, cuxa labor foi vital para a Mariña e, en xeral, para toda a provincia.

Regina Polín salientou que “a Fundación TIC ten un labor claramente social. Traballamos por e para a xente, e por iso elaboramos este DVD, co que buscamos potenciar no exterior a riqueza cultural luguesa, dinamizando a nosa economía e gañando todos. Ó mesmo tempo, este traballo incrementa a formación práctica dos alumnos da EIS, do único centro na provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual, co fin de contribuír a súa inserción laboral”.

Este material audiovisual fai un repaso pola vida persoal do autor, sen esquencer a súa implicación política: republicano, Presidente do Comité Republicano Federal de Mondoñedo Liberal e anticlerical. Pero, aparte da faceta política, Leiras Pulpeiro faría un oco na Historia grazas á súa obra literal. É por iso, que neste DVD recóllense algúns dos poemas máis importantes do autor, como os de “Cantares Gallegos”. A Mariña, así como o traballos dos mariñeiros ou a Montaña, son algúns dos temas dos seus versos.

O labor sociocultural da TIC

Na actualidade, a TIC ten asinados máis de 120 convenios de colaboración con ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas para difundir o seu labor mediante a realización de proxectos audiovisuais. Esta liña de colaboración permite que os alumnos e titulados da Escola de Imaxe e Son leven a cabo traballos profesionais.

Exit mobile version