Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación pídelle á Xunta que “atenda o mercado interior” ante o perigo doutros 2.400 empregos en Lugo

Besteiro demanda a Feijóo que “atenda o mercado interior” ante o perigo doutros 2.400 empregos en Lugo

– Son os traballos que xeran Tablicia, Alimentos Lácteos e Cosmos cuxo comité de empresa e sindicatos se reuniron hoxe co Presidente da Deputación ante a ameaza de peche ou un ERE

– O titular provincial avanzou que “levaremos ó Pleno unha moción en defensa da viabilidade destes 3 proxectos, dándolle conta á Feijóo da situación real que sofre a nosa provincia”

– Gómez Besteiro subliñou que “estamos de acordo con que Feijóo busque en Brasil mercado exterior pero, tendo en conta que a empresa matriz de Cosmos tamén é brasileña, igual de importante é que o Presidente da Xunta defenda fóra o noso mercado”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo este martes un encontro co Comité da empresa Cosmos Cementos de Sarria, así como cos seus representantes sindicais, para coñecer polo miúdo a situación que esta a atravesar esta entidade sarriana, ameazada coa súa extinción ou ben cun expediente de regulación de emprego. Ó remate da reunión, Gómez Besteiro anunciou que “logo de manter contactos nos últimos días cos traballadores de Tablicia, Alimentos Lácteos e hoxe cos de Cosmos, levaremos ó vindeiro Pleno Provincial unha moción en defensa da viabilidade destes proxectos e dos 2.400 empregos directos e indirectos que xeran na provincia. Estamos de acordo con que Feijóo busque en Brasil, como dixo en días pasados, mercado exterior para o naval. Pero, tendo en conta que a empresa matriz de Cosmos tamén é brasileña, igual de importante é que o Presidente da Xunta defenda fóra o noso mercado. Por iso, con esta moción, darémoslle conta da situación real que esta a atravesar a nosa provincia, así como da nosa postura ó respecto, ó tempo que o instaremos a que, de xeito inmediato, atenda o mercado interior ante o perigo que corren miles de familias e fogares lucenses, que dependen do sector lácteo, da transformación da madeira ou da creación de cemento”.

O titular provincial fixo referencia, deste xeito, ós 1.000 empregos que supoñen en Lugo o funcionamento de Alimentos Lácteos, ós 1.000 de Tablicia e os 400 de Cosmos, destacando que “estamos a falar de máis traballos dos que xera Alcoa, outra empresa da que dependen outras 2.000 familias lucenses, que seguen á espera da anunciada resposta por parte do Goberno Central e da Xunta para evitar o seu peche”.

Defensa das empresas e produtos galegas

Gómez Besteiro avogou pola unión entre todas as administracións para potenciar as empresas galegas, “non só pola súa viabilidade, senón tamén pola alta calidade dos seus produtos e, sobre todo, polos empregos que xeran. Insisto, hai que empuxar fóra pero tamén no interior da nosa Comunidade onde temos proxectos viables”. Ó respecto de Cosmos, o Presidente da Deputación salientou que “temos dúas empresas no noroeste do país –Sarria e Toral de los Vados- competindo, cando os seus produtos son distintos. Ademais, temos que ter en conta dúas cuestións: o prezo, ó producirse en Galicia o custe do produto é máis barato; e a calidade, este cemento sae das canteiras de Triacastela, unhas das mellores en Europa”.

Exit mobile version