A Deputación terá en 2013 un orzamento de 89,4 millóns, co emprego e o benestar social como máximas prioridades
– A partida para fomento do emprego sube un 63% e a de servizos sociais, un 12%. “Fronte a actitude austérica de Feijoó, que nos leva por un camiño sen saída, nós somos capaces de xerar unha alternativa política en defensa do público”, subliñou o Presidente
– O INLUDES disólvese en 2013, co que Besteiro cumpre coa palabra dada no discurso de investidura. O Presuposto asume xa os gastos e ingresos desta entidade e o groso dos traballadores reforzará a Cooperación cos Concellos
– Demostrando que a “defensa das políticas sociais non é incompatible coa boa xestión económica”, a Deputación reduce 10 millóns máis a débeda financeira, de xeito que, ó finalizar 2013, “levarémola rebaixado en 48,7 millóns dende que estamos no Goberno”
– O Vicepresidente recalcou que a Deputación lucense “seguirá sendo o vindeiro ano a que máis inviste en políticas sociais, non só en Galicia, senón no resto do Estado”. Aumenta nun 40% a consignación en Turismo e mantéñense o groso das de Cultura e Deporte
O Orzamento Xeral da Deputación para o 2013 ascende a 89.462.179,13 euros, o que supón unha baixada do 4,73% con respecto a 2012. Segundo explicou o Presidente, este descenso prodúcese por dous motivos:
Porque o Estado “privou á provincia de case 3 millóns de euros do Plan de Obras e Servizos (POS) para 2013, é dicir de obras que benefician a todos os Concellos da provincia”, o que repercute na rebaixa do Orzamento.
E, por outro lado, é consecuencia da distribución anual dos fondos europeos que ten fixada a Deputación.
7,5 millóns para emprego
A Deputación “está hoxe en disposición de investir 7,5 millóns de euros en emprego”, entre os 4 millóns para accións de fomento do emprego -un 63% máis que en 2013- e os 3,5 correspondentes ó Pacto Provincial polo Emprego, o proxecto que acadou máis financiamento en Galicia do Fondo Social Europeo.
Precisamente, grazas ós fondos que a institución luguesa soubo captar da UE, seguirá potenciando tamén os xacementos de emprego da provincia:
Os proxectos de economía medioambiental, a través do programa Lug02, cunha partida que en 2013 ascende a 2,3 millóns de euros, achegados nun 70% pola UE.
E as novas tecnoloxías como catalizador do desenvolvemento, a través do programa Innova-TE, cunha achega que no 2013 ascende a 5,3 millóns de euros, financiados igualmente nun 70% pola Unión Europea.
2,2 millóns para Servizos Sociais
No 2013 “auméntase de forma importante os fondos destinados a esta área porque é unha preocupación, unha necesidade e un obxectivo político”, subliñou o Presidente.
Disolución do INLUDES
A outra gran novidade do Orzamento é que a disolución do INLUDES faise efectiva no 2013, co que Gómez Besteiro cumpre coa palabra dada no seu discurso de investidura deste segundo mandato. “Disolvemos a Fundación Tor; transferimos os hospitais ó SERGAS, e agora, cumprindo coa nosa folla de ruta, disolvemos o INLUDES, co que simplificamos a estrutura administrativa da Deputación, gañando eficacia e eficiencia”, asegurou o mandatario provincial.
No Orzamento de 2013, a Deputación asume xa directamente os gastos e ingresos actuais do INLUDES; e o groso do seu persoal pasará a reforzar a función principal da Deputación: a cooperación e asistencia ós concellos.
O ano pasado xa se incorporaron 15 traballadores do INLUDES a departamentos estratéxicos da Deputación, fundamentalmente a Intervención, Contratación e Fondos Europeos. Sobre o resto dos traballadores -82 en total- o pasado 13 de novembro a Mesa de Negociación Común, na que están representados todos os empregados públicos provinciais, tomou un acordo por unanimidade, segundo o que:
Todos os traballadores do CENTRAD, da Granxa Gayoso Castro e do Servizo de Medio Ambiente seguirán nos seus postos. A única diferenza é que, en vez de depender do INLUDES, como ata agora, a partir do 1 de xaneiro dependerán da Deputación.
En canto ó resto de traballadores, os 26 que non están en ningunha destas 3 áreas (CENTRAD, Granxa Gayoso e Medio Ambiente), asignaráselles destino de forma conxunta entre o 1 de xaneiro e o 15 de febreiro.
Ademais de optimizar os recursos humanos, coa supresión do INLUDES afórranse custes, tal e como explicou a Deputada de Economía, Pilar García Porto, quen destacou que a Deputación baixará en 2013 un 12% o gasto en Órganos de Goberno e 1,4 millóns de euros en Gastos Correntes coa supresión da entidade.
Baixa a débeda
Con esta amortización proxectada para 2013 “levaremos rebaixado dende que entramos no Goberno provincial un total de 48,7 millóns de euros”, explicou Besteiro.
investimentos destacados
O Presidente destacou que os presupostos seguen contemplando partida para catro importantes proxectos que se seguen executando:
– A rede provincial de residencias: Nos orzamentos de SUPLUSA para 2013 están consignados 15 millóns de euros para a execución de residencias da terceira idade e centros de día. “A falta de compromiso da Xunta pode ralentizar o proxecto, pero seguimos adiante con esta iniciativa vital para o futuro de Lugo”, sinalou Gómez Besteiro.
– O centro de recría: A Deputación segue adiante co primeiro centro de recría público en España. O organismo está executando, en solitario, 6 millóns de euros neste proxecto, e en 2013 incorpora un novo investimento de 1.350.0000 euros para seguir avanzando nesta ambiciosa iniciativa, que aforrará custes ós gandeiros e xerará un volume de negocio anual de 3 millóns de euros.
– Cooperación cos Concellos: En 2013, non só se reforzará a Cooperación cos Concellos con máis persoal, senón con recursos económicos. Ademais dos programas europeos, dos que se benefician os Concellos, destínase un total 5,6 millóns de euros a Cooperación, a través das seguintes liñas: o Plan de Obras e Servizos, que a Deputación volve a asumir so coa colaboración dos Concellos, despois de que Rajoy reducise a cero a achega estatal, e para o que se destinarán 3 millóns de euros; o Plan de Comunidades Veciñais, cunha dotación de 2 millóns de euros; e 600.000 euros, un 24% máis que o pasado ano para colaborar con Concellos e entidades sen ánimo de lucro co obxectivo de facer obras e actividades sociais.
– Consorcio Provincial de Bombeiros: Sufragado ó 50% coa Xunta de Galicia, no Orzamento de 2013 a Deputación fai unha previsión económica de 2.307.809 euros para o Consorcio Provincial de Parques de Bombeiros. “Mantemos aquelo que era un marroncito, como o cualificaba o outrora portavoz adxunto do PP na Deputación e agora insigne Alcalde de Burela”, apuntou Gómez Besteiro.
Benestar, Turismo, Cultura e Deporte
Pola súa banda, o Vicepresidente Primeiro, Antón Veiga, incidiu en que o Orzamento do 2013 “consolida a aposta da Deputación polo benestar dos lucenses e pola creación de oportunidades laborais”, subliñando neste sentido que o organismo provincial foi “punteiro” nesta materia, e segue sendo un ano máis “a institución provincial que máis inviste en políticas sociais, non só de Galicia, senón de todo o Estado”.
Veiga recalcou así mesmo o aumento dun 40% na área de Turismo co mesmo fin de xerar riqueza e emprego, e o mantemento do groso das partidas orzamentarias de Cultura e Deporte para apoiar o tecido asociativo da provincia, que tralos recortes aplicados pola Xunta, “mantense polo voluntarismo da xente que forma parte del”.