Site icon Crónica3.com A Mariña

A Feira de Artesanía e Antigüidades de A Pontenova contará con 40 artesáns e 20 anticuarios

Deputación e Concello impulsan unha nova edición da Feira de Artesanía e Antigüidades da Pontenova

– Lara Méndez e Francisco Martínez presentaron unha cita que chega á súa 6ª edición e que se celebrará na pontenovesa Praza dos Fornos os días 6,7, 8 e 9 de decembro

– 25 anticuarios procedentes de toda Galicia, Asturias, Castela e Cataluña; 40 postos de venda de pezas artesanais, 20 deles lucenses, e 5 artesáns facendo demostracións en vivo son algúns dos atractivos que ofrece a Feira

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o concelleiro pontenovés Francisco Martínez presentaron esta mañá a VI Feira da Artesanía, Mobles e Antigüidades da Pontenova, que terá lugar entre os días 6 e 9 do vindeiro mes de decembro nesta localidade mariñana e que conta coa colaboración económica da institución provincial. Foi nun acto que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, durante o que ambos coincidiron en destacar a importancia de que iniciativas que se poñen en marcha nos Concellos da provincia, como é o caso desta Feira, teñan continuidade malia situación de crise actual.

Nesta liña, Méndez destacou que “é vital apoiar estes eventos, porque son de gran importancia para a economía dos Concellos que os acollen, e tamén para os limítrofes, porque toda a xente que acode a estas feiras fai un importante gasto no Concello, polo que supón un forte impulso para a economía da zona ó tempo que contribúen a poñer en valor factores de dinamización do rural, coma os oficios tradicionais, que permiten abrir vías de crecemento económico e fixación de poboación”.

Pola súa banda, Francisco Martínez quixo agradecer “o apoio económico da Deputación de Lugo, sen o que sería imposible organizar esta Feira” e destacou que “xa é unha feira consolidada e así o amosan esas 8.000 persoas que acudiron á Pontenova na pasada edición”.

Este é o segundo ano no que esta Feira se organiza no mes de decembro no canto de agosto. Este cambio de datas non supuxo ningún impedimento para repetir o éxito que vén colleitando dende os seus inicios, tal e como destacou Martínez lembrando esas 8.000 persoas que visitaron a pasada feira e que procedían de diferentes puntos de toda Galicia e doutras Comunidades, o que tamén supón unha importante labor de promoción do Concello da Pontenova e da comarca da Mariña.

40 artesáns, 25 anticuarios e demostracións en vivo

Malia xuventude desta Feira, que é totalmente gratuíta tanto para os profesionais participantes coma para os asistentes, xa se ten feito cun nome entre os profesionais do sector e o público en xeral, interesado na variedade e calidade dos produtos que se poñen á venda durante estes días. Este ano serán 40 artesáns, 20 dos cales proceden da provincia –á súa vez, 6 destes son locais- e arredor de 25 expositores de antigüidades procedentes de toda Galicia, Asturias, Castela e mesmo dende puntos máis alonxados coma Cataluña, o que é mostra da boa saúde desta Feira. Tamén neste caso hai representación de anticuarios locais, xa que 7 destes 25 proceden da zona.

Así mesmo, os asistentes poderán gozar de demostracións en vivo do traballo dun ferreiro, un tecelán, un escultor en madeira, de confección de bonecas e mesmo de olaría tradicional da ourensá Niñodaguia. Nos expositores de artesanía instalados no Museo do Salmón, poderanse mercar variadas pezas de cestería, olería, madeira, xoiería, traballos en coiro ou complementos en tea. Pola súa banda, os anticuarios ocuparán unha carpa de 1.000 m 2 ubicada na Praza dos Fornos.

Para repoñer forzas, os restaurantes da localidade terán un completo menú especial de feira, ó prezo de 12 euros.

Exit mobile version