Burela, 27 de novembro de 2012. Hoxe visitou Burela o subdirector general de Coordinación y Gestión Administrativa de Marina Mercante, José Luis Piñero, para planificar xunto co Concello o traslado do persoal e dos recursos físicos de Capitanía Marítima dos locais onde se encontran situados agora mesmo, na planta superior da praza de abastos, para o novo edificio de Capitanía, construído no Penaoural.
O alcalde, José Mª González Barcia, sinalou que “esta reunión que hoxe houbo aquí, en Burela, e a posterior visita ao novo edificio é unha continuación da entrevista que eu, como alcalde, mantiven en Madrid hai uns días co director general de Marina Mercante, Rafael Rodríguez, para coñecer cales son as previsións que a propia Dirección General ten para trasladar os efectivos que agora mesmo están en locais municipais”.
O rexedor indicou que “é previsible que no horizonte do mes de febreiro se efectúe o traslado desde a situación actual de Capitanía ao novo edificio, vaise efectivamente buscar unha coordinación para que o servizo en ningún momento sexa interrompido de cara aos usuarios e a partires de aí nosoutros remataremos a planificación da previsión que temos. É dicir nosoutros agora mesmo estamos pensando moi seriamente en trasladar distintos servizos municipais desde o punto de situación, concretamente nas inmediacións do parque de Tíjola, aos locais que deixe Capitanía Marítima na praza de abastos. Pero isto haberá que concretalo, haberá que acabar de estudar os pros e os contras. O que si é certo é que no horizonte do mes de febreiro ese traslado se vai producir”.
González Barcia lembrou que “hai algunhas cuestións que quedan pendentes no novo edificio, pero basicamente reducidas á acometida eléctrica. A administración do Estado ten que contratar un subministrador, parece ser que ese paso empezou a darse precisamente hoxe e, por outra parte, teñen que facer as pertinentes instalacións para toda a rede telemática, é dicir internet, etcétera, aparte de labores de limpeza e os últimos retoques ao edificio e ao seu contorno. Agora mesmo tamén, tendo en conta que a rúa na que está situado o novo edificio pertence a Portos de Galicia, este organismo da Xunta está colocando puntos de alumeado público, que se retiraran precisamente para facer a obra”.
Para o alcalde burelés “o novo edificio vai prestar un bo servizo ao sector náutico pesqueiro e convén recordar que se empezou a xerar no noso mandato anterior, en concreto no ano 2005. E a partires de aí a verdade é que é un edificio sinceramente, aínda que ao mellor na situación actual evidentemente non se faría un inmoble semellante, o que se busca, que é a su funcionalidade, si a vai ter. Espero e confío que preste un servizo o mellor posible ao sector náutico pesqueiro, que ten unha importancia enorme non soamente no noso concello senón no conxunto de toda A Mariña. Os datos que hoxe daba o propio subdirector general sobre o número de embarcacións censadas nos portos da costa luguesa e os datos que daba en canto a tráfico de mercadorías e de embarcacións deportivas avalan precisamente con contundencia a nova situación deste servizo nun edificio que o sector o merece”. González Barcia lembrou que a obra se adxudicou sendo ministro de Fomento, José Blanco, e que foi Ana Pastor a que, a pesares dos reaxustes efectuados polo seu departamento, decidiu rematar a nova Capitanía Marítima.