Site icon Crónica3.com A Mariña

A unidade de drogodependencia informará sobre a sida en Burela

A UNIDADE ASISTENCIAL DE DROGODEPENDENCIAS DO CONCELLO OFRECERÁ INFORMACIÓN SOBRE A SIDA O VINDEIRO VENRES, 30 DE NOVEMBRO, NAS DÚAS MESAS QUE SE INSTALARÁN Á ENTRADA DO CENTRO DE SAÚDE E DO HOSPITAL DA COSTA.

Burela, 28 de novembro de 2012. Previr a sida día a día é o eslogan da campaña de prevención que un ano máis pon en marcha a Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Burela para conmemorar o día mundial da sida que se celebra o vindeiro 1 de decembro.

A concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, sinala que “para conmemorar esta data, e que a poboación siga a ser consciente dos riscos que entraña esta enfermidade e da vías de prevención da mesma, persoal da UAD de Burela estará en dúas mesas informativas o vindeiro venres, 30 de novembro”. Éstas estarán situadas á entrada do centro de saúde de Burela e do Hospital da Costa. Será en horario de 10 da mañá a dúas da tarde.

O mesmo venres entregaránse os premios aos gañadores do XI Certame de Carteis, “que este ano se retomou, coma unha nova campaña de coñecemento da enfermidade e concienciación entre a xente máis nova. Os carteis gañadores poden verse por toda a localidade”, explicou a edil popular.

A entrega dos premios terá lugar ás 10:30 da mañá. O acto desenvolveráse nas inmediacións da mesa instalada a carón do centro de saúde e estará presidido polo alcalde de Burela, José Mª González Barcia, por Diana Durán e por un membro de ACIA Burela. Os premios, outorgados polo Concello, consisten en dous vales de 50 euros cada un para poder mercar en calquera establecemento adherido á Asociación de Comerciantes burelesa. As categorías que se estableceron no certame de carteis foron dúas: de 12 a 15 anos e de 16 a 20 anos. O Concello publica tamén os traballos presentados.

Exit mobile version