AS EMBARCACIÓNS PESQUEIRAS DA MARIÑA LUGUESA PODERÍAN AFORRAR PRETO DE 1 MILLÓN DE EUROS AO ANO ADOPTANDO MEDIDAS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA
O director do Inega e o secretario xeral do Mar presentaron hoxe en Burela un estudo elaborado por Economía e Industria que reflicte que a flota galega podería reducir nun 23% o que gasta en enerxía
Entre as medidas propostas no estudo, a mellora ou substitución do motor implica aforros económicos de ata 20.000 euros ao ano en función do tipo de embarcación
Co cambio ou adaptación das hélices, o troque dos cables de arrastre ou a instalación de luminarias poden conseguirse aforros de ata 10.000 euros
Burela (Lugo), 24 de novembro de 2012.- As embarcacións do sector pesqueiro na mariña luguesa poderían aforrar preto dun millón de euros ao ano se adoptasen medidas de aforro e eficiencia enerxética, tal e como sinala o Estudo de Eficiencia Enerxética no sector pesqueiro en Galicia, elaborado pola Consellería de Economía e Industria, a través do Inega. Así o apuntou hoxe o director do Inega, Eliseo Diéguez García, durante a exposición dos resultados na confraría de Burela, na que estivo acompañado polo Secretario Xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro Cadillo.
Neste sentido, o estudo –para cuxa elaboración realizáronse en toda Galicia preto dun cento de auditorías a embarcacións representativas desta industria- sinala que as preto de 4.400 embarcacións que suma a flota galega entre arrastreiros e artes menores teñen un consumo conxunto de 135 millóns de litros de combustible anuais, que supoñen un custo superior aos 66 millóns de euros.
“A adopción das medidas propostas –explicou Diéguez- arroxa unhas posibilidades de aforro enerxético para o sector pesqueiro de ata un 23%, un dato que, trasladado á provincia de Lugo, significa un potencial de aforro en custos de combustible próximo ao millón de euros ao ano”. Unha cifra que levaría aparellada, tamén, a diminución da emisión á atmosfera de máis de 8.100 toneladas de CO2 por exercicio.
O estudo, que divide as embarcacións en dous grupos, reflicte que as artes menores amosan un potencial de aforro en combustible superior, próximo ao 20%, o que implicaría unha diminución de gastos do 36%. No caso dos arrastreiros, tanto o aforro económico como o de combustibles situaríase por riba do 11%.
“O documento propón unha serie de melloras entre as que resalta o motor”, sinalou Diéguez, co que se poden acadar aforros económicos de ata 20.000 euros ao ano en función do tipo de embarcación. Así, por exemplo, a substitución dun motor de gasolina por outro de GLP permitiría un aforro económico próximo ao 35%. A substitución ou adaptación das hélices, a mellora na loxística, o cambio dos cables de arrastre ou a instalación de luminarias máis eficientes son outros dos campos abordados polo estudo, ofrecendo aforros económicos que, nalgúns casos, superan os 10.000 euros anuais.
As posibilidades de actuación recollidas no estudo elaborado por Economía e Industria estanse a trasladar ás distintas Confrarías galegas en colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar, ao tempo que se están a distribuír medio milleiro de exemplares entre os distintos representantes do sector. Ademais, o documento atópase dispoñible na páxina web do Inega –www.inega.es-.
O traballo, como lembrou o director do Inega, “encádrase na serie de estudos que estamos a realizar nos distintos sectores produtivos da nosa economía co obxectivo de contribuír á mellora da súa competitividade”. Neste sentido, xa se presentaron tamén informes centrados en promover o aforro e eficiencia enerxética do sector téxtil, das explotacións de leite, da madeira e do granito.