Actos en concellos mariñáns contra a violencia de xénero
egl
BURELA
O Concello acolleu diversos actos esta mañá con motivo da celebración do día internacional para a eliminación da violencia de xénero. O primeiro foi a colocación na fachada do Concello dunha pancarta conmemorativa, despois presentóuse o III Plan para a Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Burela e tamén se deu a coñcer a asociación Mulleres en Igualdade de Burela. O salón de plenos acolleu a entrega do VI Concurso de Microrrelatos e do II Concurso de Lemas. As gañadoras dos microrrelatos foron Amara Chao Durán (na categoría de menores de 18 anos) e Gloria Suárez García (na categoría de maiores de 18). E a gañadora do concurso de lema foi Estefanía Castro González. O seu lema Por min, por vós, por ti. Loita será o empregado polo Concello na campaña para a eliminación da violencia da xénero do vindeiro ano.
Despois Elena Valle García, gañadora do premio provincial convocado polo colectivo Mujeres Entretejidas, asociación que promove a igualdade de xénero, deu lectura ao seu traballo. A xornada rematou coa lectura dun manifesto a cargo do alcalde, José Mª González Barcia, que presidiu todos estes actos acompañado pola concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán.
BARREIROS
Durante a xornada da mañá os alumnos do 1º e 2º ciclo de Primaria dos CEIP San Cosme de Barreiros e CEIP San Miguel de Reinante asistiros aos talleres para a prevención da violencia de xénero. As actividades consistiron na visualización dun conto e na explicación do concepto de violencia de xénero; seguidamente elaboraron un debuxo contra esta lacra social. Ditos debuxos estarán expostos a fin de semana no centro sociocultural durante os diferentes actos que alí se van desenvolver.
CERVO
O goberno de Cervo e os traballadores do concello congregáronse diante da Casa consistorial para gardar un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero.