Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo prepárase para un Nadal activo cargado de entretemento

Cervo prepárase para un Nadal activo cargado de entretemento, obradoiros, música, maxia, deporte e actividades tradicionais

-Destacan as actividades novas e que dan continuidade ás iniciadas nestes últimos meses do ano, como o Un, dous, tres ou os obradoiros de teatro, que repiten pero nesta ocasión co temática de Nadal

Cervo, 30 de novembro de 2012-Unha quincena de actividades para público infantil, xuvenil e adulto conforman o programa de entretemento e lecer para este Nadal 2012. O Concello de Cervo vén de presentar o programa, que estará vixente dende este sábado ata o 5 de xaneiro e que inclúe actividades participativas, de entretemento e cunha forte compoñente festiva. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Educación e Igualdade, Pilar Armada e a de Cultura, Begoña Alonso, deron a coñecer o cartel que se está distribuíndo polo municipio para fomentar “a participación nun programa que deseñamos buscando que fose variado, completo e con actividades atractivas e adecuado á época festiva do Nadal” explica Armada.

A maior parte delas levan tempo formando parte do programa despois do seu comprobado éxito, converténdose en tradicións, como é o caso do belén de plastilina que realizan os nenos e nenas. Aínda así, tamén hai novidades, como a recreación do Un, dous, tres…responda outra vez, especial Nadal.

Actividades infantís e xuvenís

Os eventos e iniciativas dirixidas a nenos e mozos teñen moito protagonismo co obxectivo de encher de actividade as fins de semana de decembro e especialmente as vacacións e festivos escolares. O programa empeza este sábado co belén de plastilina, unha actividade moi tradicional na que participarán os nenos e nenas que o desexen e que serán os encargados de elaborar as distintas figuras que caracterizan o nacemento. Primeiro será na Casa do Concello ás 11:00 horas e pola tarde, ás 16:30 horas na Casa da Cultura de San Ciprián.

Algunhas das actividades programadas dan continuidade a unha liña de entretemento infantil iniciada no Outono Cultural. É o caso dos obradoiros de panxoliñas e teatro de Nadal, que van na mesma dirección que o taller impartido no mes de novembro e que finalizou a pasada fin de semana coa representación dunha obra diante do público. Naquela ocasión a peza era “A Quirica” e neste caso, os nenos e nenas terán que ensaiar cancións de Nadal e unha obra teatral relacionada con estas datas festivas. As clases desenvolveranse os días 15, 22 e 29 de decembro e a representación o 30 do mesmo mes.

Os pequenos e pequenas tamén dispoñen doutras moitas opcións para a diversión neste mes. Como o Peque Nadal, pensado para o alumnado do PAI e concibido como unha festa con disfraces relacionados con estas datas, que terá lugar o día 21; ou a Noiteboa infantil en Cervo, que inclúe xogos populares e outras sorpresas para a cativada o día 24.

Os Enredos de verán teñen tamén continuidade cos Enredos de Nadal, que manteñen a filosofía de obradoiros, xogos e outras actividades para nenos e nenas de 3 a 11 anos e que terán lugar os días 26, 27 e 28. Tamén haberá tempo para o teatro infantil con monicreques a cargo da compañía Mercromina, o día 29 no auditorio da Casa da Cultura. O festival acuático infantil tamén repetirá neste Nadal e con el, a piscina municipal converterase o día 4 de xaneiro nun centro de xogos. A cabalgata de reis, o día 5, é unha cita ineludible. As Súas Maxestades de Oriente chegarán a San Ciprián ás 18:30 horas e a Cervo ás 20:00 horas repartindo caramelos e larpeiradas e que rematará cun sorteo de premios da ACIA ás 21:00 horas.

Actividades para adultos

Unha das novidades no programa deste ano é a celebración do Un, dous, tres…responda outra vez especial Nadal. Esta é a segunda recreación que organiza o Concello deste clásico da televisión, aínda que nesta ocasión as preguntas, a escenografía e incluso as vestimentas dalgunhas das personaxes xirarán ao redor destas datas festivas. Será o 16 de decembro na Casa da Cultura de San Ciprián.

Outra das novidades é a Festa de Fin de Ano na discoteca Pasos, que terá lugar o día 31 a partir da medianoite co obxectivo de celebrar a chegada do 2013 con ambiente festivo e diversión. Como actividades habituais están o Festival da Unidade Pastoral (22 decembro), que comezará ás 17:00 horas, seguido da Tarde de Corais, ás 20:00 horas.

Para todos os públicos

A maxia ou o deporte tamén terán un oco neste programa. O Mago Teto estará o día 23 na Casa da Cultura para sorprender ao público cos seus trucos. Ao mesmo tempo, as persoas afeccionadas ao Pin Pon poderán practicalo e competir nun torneo que terá lugar o día 28 no pavillón da Veiga.

Unhas actividades postas en marcha coa colaboración do PAI, Airiños do Xunco, Asociación Península da Paz, as ANPAS do concello, a Asociación A Fervenza de Sargadelos, a Coral Terramar, ACIA San Ciprián, Unidade Pastoral de Cervo e o Club de Tenis de Mesa San Ciprián, entidades ás que o Concello agradece a súa participación.

Exit mobile version