Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo vivirá unha xornada de nostalxia na que veciños e veciñas compartirán as súas lembranzas

Cervo retrocederá décadas atrás para falar de tradicións, vivencias e anécdotas contadas pola veciñanza

-Un grupo de alumnas dos cursos de memoria xa confirmaron a súa participación compartindo co público as súas experiencias pasadas

Cervo, 21 de novembro de 2012-Este venres, (19:00 h. Ecomuseo) Cervo vivirá unha xornada de nostalxia na que veciños e veciñas do municipio compartirán co público as súas lembranzas de tempos pasados, as súas vivencias, as súas anécdotas ou as tradicións da época, sen faltar referencias a cuestións relacionadas co outono ou o Nadal de décadas atrás.

Un grupo de alumnas que asisten aos cursos de memoria xa confirmaron que participarán coas súas historias en “Recordando contos de onte”, o nome desta actividade que se enmarca no Outono Cultural do Concello de Cervo. Un evento aberto a todas as persoas que queiran colaborar, transmitindo ao público esas vivencias históricas que segundo a edil de Servizos Sociais, “teñen un grande valor, tanto por tratarse da nosa memoria colectiva, como por ter unha forte compoñente local, o que fará que moitos nos sintamos partícipes desas experiencias”.

Pilar Armada destaca ademais que estas vivencias pasadas “enriquecen a nosa cultura e ao noso patrimonio inmaterial”. Para a concelleira, esta é unha iniciativa “pioneira”, que se pon en marcha por primeira vez e dirixida a todos os públicos. “Os máis novos poden descubrir modos de vida e tradicións que seguramente lles resulten totalmente descoñecidas e interesantes ao mesmo tempo, mentres os maiores poden lembrar detalles que podían ter esquecidos ou incluso revivilos de novo” explica Armada.

A responsable de Servizos Sociais considera que pode resultar un acto “moi emotivo” co que “queremos facer saber aos nosos maiores que as súas achegas son moi importantes para a nosa sociedade”. Deste xeito, “tamén pretendemos poñer en valor a forza das nosas tradicións e do noso pasado, que teñen un valor incalculable e que aínda viven a través dos nosos maiores”.

Exit mobile version