O Burela FS Pescados Rubén xa ten data para o emocionante duelo de Primeira que lle deparararon as semifinais da XXII Copa Galicia. O cadro laranxa espera a visita do Santiago Futsal a Vista Alegre para o venres, 16 de novembro, ás 21.00 horas.
A noticia foi moi ben recibida polos mariñáns, nunha cita á que lle poden sacar moito proveito. Este cara a cara non só servirá de antesala da 10ª xornada da máxima categoría, do 22 de decembro, senón tamén, como indicou Julio Delgado, como adianto do regreso á liga. “Será un encontro que nos beneficiará en aptitude na pista e motivación para volver á competición, completará a nosa preparación para retomar a liga nas mellores condicións, o 24 de novembro, coa visita do Inter Movistar” dixo o técnico.
Os soci@s laranxas terán acceso gratuíto á cita copeira. Para o resto do público (maiores de idade), a entrada custará 5 euros.
Triunfo axustado en Soto del Barco
Os pupilos de Julio Delgado impuxéronse onte na casa do Soto del Barco cun resultado axustado (2-3), nun encontro pouco fluído no que aos laranxas lles custou atoparse cómodos para ofrecer o seu xogo. Tras o temperán 0-1 de Enrique (minuto 3), o Burela FS tivo que esperar á segunda parte para poder impoñer minimamente o seu ritmo e facerse así co electronico.
Durante esta parada ligueira, o cadro mariñán tamén obtivo o título no triangular de Castropol fronte ao Azkar Lugo e CD Marino das Figueiras e conseguiu o billete a fase final da Copa tras impoñerse ao Noia FS.
Ficha técnica
Soto del Barco: Rubén, Iñarrea, Fredy, Miguel e Adrián, no cinco inicial; tamén xogaron Danielín, Michel, Dani, Ricky e Vior
Burela FS Pescados Rubén: Iago Barro, André, Nacho Pedraza, Enrique e Dani Martín, no cinco inicial; tamén xogaron Mimi, Cesinha, Christian, Antón, Fabio e Carlitos
Goles: 0-1, minuto 3, Enrique; 1-1, minuto 10, Miguel; 2-1, minuto 19, Fredy; 2-2, minuto 27, André; 2-3, minuto 38, Enrique
Tarxetas: Polos asturianos, foron amoestados con tarxeta amarela Vior, Fredy, Iñarrea e Miguel (dobre) e, polos laranxas, Mimi.