A conferencia sobre “Pombas Mensaxeiras” organizada polo C.C. Ollomao, que
impartiu o barreirense Benito Pérez Soto, espertou un grande interese.
Ao remate do acto tivo lugar unha demostración de solta de pombas.
O pasado domingo o Colectivo Cultural Ollomao presentou no Canteiro de San Pedro de
Benquerencia, unha conferencia sobre “Pombas Mensaxeiras”. O acto, ao que asistiron
persoas de todas as idades, contou cun bo número de público infantil.
Benito Pérez Soto, membro do Club Colombófilo Mensajeras del Cantábrico e voluntario
de Alcoa Fundación, explicou aos asistentes os coñecementos básicos dunha práctica
pouco común que hoxe en día está considerada deporte e que “é practicamente familiar
porque se vai herdando de pais a fillos”. Segundo sinalou o conferenciante, con varios
premios no seu haber, “unha pomba pode recorrer distancias de centos de quilómetros
sen pousarse, voando ata unha xornada enteira” e poden chegar a vivir ata 15 anos.
Indicou tamén que, aínda que hoxe en día o seu uso sexa practicamente lúdico e
deportivo, as pombas mensaxeiras xogaron un importante papel nas comunicacións
durante as I e II Guerra Mundial sendo os animais máis condecorados polas vidas que
chegaron a salvar. Máis recentemente téñense utilizado nalgunhas cidades para o
transporte de vacinas.
A conferencia que durou en torno a unha hora, espertou grande interese entre o público
asistente que preguntou ao conferenciante sobre distintas cuestións da colombofilia. Ao
remate do acto tivo lugar unha demostración de solta de aproximadamente 50 pombas
mensaxeiras que voaron en bandada en dirección ao seu pombal