Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG apoia aos traballadores de CEMAR ante o peche dos establecementos da Mariña

O BNG AMOSA O SEU APOIO AOS TRABALLADORES DE CEMAR ALIMENTACIÓN ANTE O FECHE DOS ESTABLECEMENTOS DA MARIÑA

Antonio Veiga pide á Xunta de Galiza que defenda a todas as empresa galegas por igual e non so ás grandes factorías

“O feche das tendas de Cemar Alimentación deixa a deceas de familias nunha difícil situación”

A Mariña, 22 de novembro de 2012. O Bloque Nacionalista Galego da Mariña amosa o seu apoio e a súa solidariedade aos traballadores e traballadoras da empresa Cemar Alimentación ante a incerteza do seu futuro tras o acordo acadado onte con Covirán que so está disposta a quedarse con 12 tendas e 50 empregados en toda a provincia, supondo o feche dos establecementos da comarca e deceas de traballadores despedidos.

Antonio Veiga, responsábel comarcal da formación nacionalista, lamenta esta situación que cualifica de “tráxica para moitas familias da Mariña” e denuncia a “falla de preocupación e actuacións do Goberno galego ante a destrución de emprego na comarca. O presidente Feijóo parece so interesado en salvar ás grandes empresas; igual que se preocupa por promocionar e por garantir os postos de traballo en empresas doutras zonas da comunidade debería preocuparse polo mantemento do emprego na Mariña á que so vén en campaña electoral a facer promesas que logo pasan á categoría de incumpridas. Unha vez máis queda en evidencia a incapacidade do Partido Popular para evitar que continúen presentándose expedientes de regulación de emprego tanto temporais como de extinción e frear o incremento de parados.”

Dende o BNG piden a Cemar Alimentación e a Covirán que reconsideren as súas decisións e traten de manter o maior número de postos de traballos posíbeis e anuncian que levarán esta situación ao Parlamento galego e aos concellos da comarca porque “no so se vai destruír emprego directo senón que veranse afectados moitos provedores e cadeas de transformación da comarca.”

Exit mobile version