Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG cahama a mobilizarse contra as políticas neoliberais dos gobernos central e autonómico

FEDERICO GUTIERREZ FAI UN CHAMAMENTO Á MOBILIZACIÓN NA FOLGA XERAL DO 14 DE NOVEMBRO

O alcalde de Riotorto chama a saír á rúa contra as políticas neoliberais dos gobernos central e autonómico e demostrar na rúa que o verdadeiro poder está no pobo

‘Temos o deber e o dereito como cidadáns de lembrarlle a Feijóo que a maioría absoluta non o lexitima para cambiar o programa electoral co que se presentou e que a xente votou, como fixo na anterior lexislatura’ afirma Estoa

Riotorto, 7 de novembro de 2012. Federico Gutiérrez Estoa, alcalde nacionalista do Concello de Riotorto, fai un chamamento a todos os seus conveciños, aos mariñás e mariñás e a todos os lucenses a participar na folga xeral convocada para o vindeiro 14 de novembro en contra das políticas de recortes que están impondo os gobernos do PP do Estado e da Xunta de Galiza.

“É importante –afirmou Estoa- lograr a máxima mobilización social para que se faga visible o rexeitamento dos cidadáns ás políticas neoliberais que está aprobando o Partido Popular e lograr paralizar a axenda de reformas previstas e que seguirán atentando contra os dereitos dos cidadáns e mermando o seu poder adquisitivo.’

Federico Gutiérrez Estoa afirmou que cada persoa que se atopa sen traballo, cada desempregado que se quedou sen prestación, cada pai e nai de rapaces que tiveron que emigrar pola falla de oportunidades laborais no país, cada familia que até o de agora viviu do agro e a gandería e tiveron que pechar as súas explotacións, cada autónomos que sofren as consecuencias da suba do IRPF, cada persoa dependente e maiores que deben pagar máis polas menciñas, polo transporte en ambulancia e que deixan de recibir servizos vitais para eles como a teleasistencia ou o servizo de axuda no fogar, así como polas familias que sofren o incremento o IVE. Cada persoa e cada colectivo que acabo de mencionar ten razóns de sobra para saír á rúa e demostrar que nel reside o verdadeiro poder.’

‘O 14 de novembro –concluíu Estoa- os cidadáns temos que dicirlle tamén a Feijóo que a maioría absoluta que conseguiu nas autonómicas do 21 de outubro, non son unha folla en branco para seguir facendo recortes e cambiar o programa electoral co que se presentou, algo ao que xa ten acostumados aos galegos e galegas porque foi o que fixo na anterior lexislatura.’

Exit mobile version