Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG condena a pasividade do goberno español e da UE ante o xenocidio contra Palestina

ANTONIO VEIGA CONDENA A PASIVIDADE DO GOBERNO ESPAÑOL, DA UE E DA COMUNIDADE INTERNACIONAL ANTE O XENOCIDIO CONTRA PALESTINA

Decenas de mariñáns participaron na concentración convocada polo BNG de Foz a favor da Paz na franxa de Gaza

“Israel non pode seguir violando os dereitos humanos do pobo palestino e incumprindo as resolucións da ONU”

Foz, 21 de novembro de 2012. Decenas de persoas participaron, diante do concello de Foz, na concentración convocada polo BNG da Mariña, en solidariedade co pobo palestino fronte aos bombardeos de Israel. Antonio Veiga, responsábel comarcal da formación, sinalou que “poucas inxustizas se poden comparar á atrocidade que se está dando actualmente na Franxa de Gaza”.

“Dende o BNG – precisou – condenamos as prácticas terroristas que está levando a cabo o Estado de Israel contra a poboación civil palestina provocando a morte de moitas crianzas, así como a pasividade do Estado español, da Unión Europea e da Comunidade Internacional ante esta situación. Israel non pode seguir violando de xeito reiterado os dereitos humanos do pobo palestino e imcumprindo as resolucións de Nacións Unidas”.

Para os nacionalistas a paz pasa pola necesidade de recoñecer o dereito de autodeterminación de Palestina.

Exit mobile version