Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG critica que o rescate bancario non serva para que os afectados polas preferentes cobren

VEIGA ASEGURA QUE OS GALEGOS NON QUEREN QUE OS SEUS AFORROS SE CONVERTAN NUN BOTÍN DO BANCO SANTANDER

Os nacionalistas critican que o rescate bancario non serva para que os afectados polas preferentes cobren integramente os seus aforros

“Agora máis que nunca queda en evidencia que o rescate á banca é un atraco ao pobo”

A Mariña, 29 de novembro de 2012. O responsábel comarcal do Bloque Nacionalista Galego na Mariña, Antonio Veiga, denuncia que a desaparición do sistema financeiro galego terá “consecuencias incalculábeis” para todo o país, pero especialmente para a provincia de Lugo e a comarca da Mariña.

Para Veiga “estamos ante unha situación que sabíamos chegaría antes ou despois debido á desastrosa xestión que fixo e está a facer o Partido Popular. A venda de NCG é o desenlace á estratexia deseñada polo Goberno galego para o noso sistema financeiro; unha estratexia que dende a fusión de Caixa Galiza e Caixa Nova sempre se evidenciou equivocada e que o único que non se deu conta foi o Partido Popular. A responsabilidade política desta situación recae no Goberno do Estado que aceptou as condicións impostas pola Unión Europea para recibir o rescate bancario pero tamén no presidente da Xunta que se presentou como campión da galeguidade e sen embargo estase a converter no campión dos afundimentos”.

“A venda de NCG so servirá para restrinxir o aceso ao crédito en Galiza, para incrementar o desemprego e para que os aforros de milleiros de galegos e galegas pasen a ser un botín do Banco Santander” – sentencia o responsábel comarcal da formación nacionalista.

A reestruturación imposta por Bruxelas para a entidade galega suporá o feche de 400 oficinas e o despedimento de 2.500 traballadores e traballadoras, o que para Veiga “amosa a irresponsabilidade do Goberno de Rajoy que acorda un rescate bancario de 40.000 millóns de euros pero, ao mesmo tempo, permite que as listas do paro continúen incrementándose”.

Nos últimos días, concellos da provincia de Lugo, entre eles o de Riotorto, estanse a mobilizar para evitar o feche do que, en moitos casos, é a única oficina bancaria do municipio e que constitúe un servizo para os veciños e veciñas e un elemento de dinamización económica; problema este que se agravará coa venda da entidade bancaria. Neste senso, o responsábel do BNG asegura que “a comarca da Mariña será unha das máis afectadas polo desmantelamento de NCG en canto a nosa é unha provincia que xera aforro neto e a venda limitará o seu uso para facilitar que o crédito flúa, pero, ademais, hai que ter en conta o perfil dos usuarios bancarios lucenses, que quedarán máis expostos a estafas como a das preferentes.”

Veiga conclúe que “Rajóy e Feijóo deben dar unha solución aos milleiros de galegos e galegas estafados polas participacións preferentes, porque non se trata de inversionistas senón de aforradores enganados e que agora son atracados polo acordo entre o Goberno central e a Unión Europea e que suporá unha quita de entre o 30 e o 70 por cento. Hoxe máis que nunca queda en evidencia que o rescate á banca é un roubo ao pobo”.

Exit mobile version