Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz oponse á suba nas tarifas da auga que o alcalde pretende levar a cabo

O BNG DE FOZ VE INXUSTIFICADA A SUBA DO RECIBO DA AUGA QUE O ALCALDE PRETENDE FACER PARA O PRÓXIMO ANO

O alcalde quere subir a auga un 30% nos próximos tres anos

Foz a 17 de novembro de 2012.- O BNG de Foz quere manifestar a súa oposición á suba nas tarifas da auga que o alcalde pretende levar a cabo e presentar no próximo pleno da corporación. A proposta do alcalde inclúe tanto unha suba nas tarifas como o pago dunha indemnización a Gestagua como compensación que segundo a empresa tería que cobrar pola non revisión destas tarifas durante os exercicios 2008 a 2012.

O BNG EN CONTRA DUNHA SUBA DA AUGA QUE NON ESTEA NO CONTRATO

A suba que propón a empresa, a través do alcalde, é unha suba dun 30% nos próximos tres anos, repartida da seguinte maneira: un 10% no 2012, un 10% no 2013 e outro 10% no 2014. Entre o 2015 e o 2017 a suba sería a que resulte da aplicación da fórmula polinómica de revisión que se utilizaba ata agora. Hai que recordar que o ano 2017 é o ano no que remata o contrato con Gestagua.

Segundo apuntan diversos informes técnicos e xurídicos, nin no contrato inicial nin nas distintas prórrogas existe ningunha fórmula nin outra modalidade para aplicar dita revisión de tarifas, circunstancia totalmente anómala. A única fórmula de revisión de prezos é a que aparece na propia oferta de Gestagua e pola cal se fixeron anteriormente as revisións do ano 1998 e do ano 2000. Agora, Gestagua non pode pretender desmarcarse de dita fórmula alegando que non ten carácter vinculante e que pode modificala unilateralmente no transcurso de vixencia do contrato pois a oferta forma parte das claúsulas do contrato e debe ser cumprida de forma estrita polo adxudicatario.

Recordar que cando se lle renovou o contrato por 10 anos en abril de 2007 (votos do PSOE e do PP) a revisión das tarifas foi modificada substancialmente sen xustificación, podendo basearse nas melloras que esta tiña que facer por valor de 488.000 euros e que podía supor un desequilibrio económico no contrato, aínda que non se achegaron os datos necesarios para comprobar efectivamente con esta reconfiguración tarifaria se está a paliar esta circunstancia. A situación non mudou ao día de hoxe posto que as tarifas non volveron a ser modificadas como tampouco avaliado o impacto da mesma no devir da concesión. Lembrar que Gestagua non está a cumprir coa obriga de presentar informes semestrais da xestión.

Para o BNG a suba do 30% durante tres anos é esaxerada e o que é máis importante, no se axustan ao estipulado polo contrato subscrito entre o Concello e Gestagua e polo tanto correspóndelle, como membro da corporación e representante dos veciños, defender os intereses do concello. O que nos asombra é que non faga o mesmo o alcalde.

O BNG EN CONTRA DE RECOÑECERLLE UNHA INDEMNIZACION A GESTAGUA DE 514.084,58 €

A segunda “esixencia” da empresa Gestagua ao Concello é que se lle recoñeza o dereito a ser indemnizada tanto pola non actualización das tarifas dende o exercicio 2007 como polas minoracións de ingresos que terá se o concello realiza unha progresiva revisión ata alcanzar o índice do 2015.

Para o BNG, é certo que ninguén pode estar en contra de compensar os prexuizos que puideran derivarse da non actualización das tarifas entre 2008 e 2012 pero outra cousa é aceptar a cifra que a empresa pon enriba da mesa. A cantidade que solicita son 514.080 euros en total, distribuídos en 403.762 euros da xerada ata o momento actual (algo que debería ser comprobado polo concello) e outra cantidade de 110.321 euros que terá lugar entre 2013 e 2014. Como todo o mundo pode estar concluíndo, non pode pagarse un indemnización de algo que aínda non se produciu porque tampouco sabemos cales van a ser os ingresos que percibirá Gestagua no 2013 e 2014. Recoñecerlle isto podería ser constitutivo de delito, de prevaricación para riba.

En fin, para o BNG todo isto da idea do que sempre denominamos “o culebrón da auga” e das mútliples dúbidas que existen arredor da xestión da auga no noso Concello no que claramente teñen responsabilidades os alcaldes e os grupos políticos que cos seus votos permitiron chegar a esta situación, unha situación onde claramente está en xogo a defensa dos intereses públicos ou dos intereses privados. O BNG sempre estivo e estará defendendo os intereses públicos, como neste caso

Exit mobile version