Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz reclámalle á Xunta novamente a construción da residencia e do centro de día

O BNG DE FOZ RECLÁMALLE Á XUNTA NOVAMENTE A CONSTRUCIÓN DA RESIDENCIA E DO CENTRO DE DÍA DE FOZ

Foz a 28 de novembro de 2012.-O BNG de Foz presentou unha moción neste pleno para reclamar por enésima vez á Xunta de Galiza a construción da Residencia e do Centro de Día de Foz, que sexa de xestión pública e que teña suficiente capacidade.

Como a opinión pública coñece, desde o ano 2008 os terreos para a construción dunha Residencia de Terceira Idade e dun Centro de Día están a disposición da Xunta de Galiza. Mesmo o ano pasado, o ano 2011, a Corporación Municipal en pleno e por unanimidade demandou que esta obra estivera rematada no horizonte do 2014, solicitando unha partida nos orzamentos do exercicio 2012 para que iso fora posible.

A Xunta de Galiza, gobernada polo PP, en toda a anterior lexislatura non fixo máis que demorar a posta en marcha da Residencia e do Centro de Día a pesar de ser unha evidencia a súa necesidade. Primeiro, tardando un ano en elaborar un “estudo de viabilidade” (de dous folios) que non se lle esixiu a ningunha outra localidade da Mariña sendo ao día de hoxe o único concello que non conta con Centro de Día nin con unha Residencia de carácter público e suficiente para cubrir as nosas necesidades. Incluso poboacións da comarca da Mariña con menos peso poboacional contan actualmente con Centro de Día e/ou Residencia. A continuación, tardouse outro ano en elaborar un Anteproxecto urbanístico que se presentou nos medios de comunicación o pasado día 20 de outubro (por certo, ao día de hoxe aínda non se lle presentou aos grupos da corporación).

Para o BNG as prazas para o que deseñou o anteproxecto serían insuficientes porque o Concello de Foz é o segundo en número de poboación da Mariña. O edificio proxectouse só para 40 prazas na Residencia e 40 prazas no Centro de Día cando inicialmente sempre se falou de alomenos 120 prazas, entre Residencia e Centro de Día. No Concello de Foz estaban censados máis 2.300 maiores de 64 anos no ano 2011. Esta cifra supón case o número total de habitantes de poboacións que contan xa cun Centro de Día para 30 usuarios como Vilanova de Lourenzá ou máis da metade da poboación de localidades nas que a Xunta do PP vai abrir residencias con centro de día para 78 persoas como o caso de Cervo. Por este motivo, o BNG insta á Xunta de Galiza que a capacidade da Residencia de Terceira Idade de Foz sexa de 80 prazas e dotada dun Centro de Día para 50 prazas. En todo caso, que entre ambas infraestructuras as prazas non sexan inferiores a 120.

Na mesma nova anterior afirmábase que o Centro Residencial de Día estaría operativo no ano 2015 e que sería xestionado por unha empresa privada. Por un lado, o BNG insta ao Goberno Galego da Xunta de Galiza a incluír unha partida nos Orzamentos autonómicos do 2013 para que se garanta o inicio das obras nesa anualidade e o seu remate no ano 2015, segundo as previsións do PP e do propio alcalde. Por outro lado, o BNG de Foz non está de acordo con que a xestión sexa privada e por iso insta á Xunta de Galiza para que a xestión do Centro Residencial de Día previsto sexa totalmente pública porque é a única que garante a universalidade e a igualdade á hora de acceder aos servizos asistenciais e unha maior calidade nos mesmos.

Exit mobile version