Fernando Suárez Barcia, voceiro do Grupo Municipal do BNG de Ribadeo, somete ao Pleno desta Corporación para o seu debate e aprobación, se procede da seguinte Moción:
MOCIÓN EN DEFENSA DAS PERSOAS AFECTADAS POLAS HIPOTECAS
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O estoupido da crise económica e o incremento do desemprego abocaron a unha delicada situación a miles de persoas que accederon a unha vivenda en propiedade durante o período de bonanza económica a través de préstamos hipotecarios.
Nestes momentos, a perda de emprego, e tamén o deterioro do poder adquisitivo de moitas persoas con emprego, motivados pola persistencia da crise, están a facer aflorar as enormes dificultades que atravesan moitas familias para afrontar os vencementos dos créditos hipotecarios, e con iso a obriga de abandonar a súa vivenda, perdendo así o seu dereito a gozar dunha vivenda digna.
A iso únese que, aínda entregando a vivenda como pago da débeda contraída, non se produce o resarcimento total da mesma, ficando un saldo vivo a favor da entidade financeira que mantén a reclamación do pago pendente sobre outros bens das persoas que xa perderon a vivenda.
Esta situación ten orixe no excesivo valor atinxido por moitas vivendas, ao que contribuíu, impulsada polas institucións financeiras, a política expansiva de concesión dos créditos hipotecarios, intimamente relacionada coa burbulla inmobiliaria. Dun xeito parello ao medre exponencial do prezo da vivenda, tamén se relaxaban as facilidades coas que as entidades financeiras -obsesionadas en obter altos beneficios no curto prazo- taxaron os inmóbeis, que sufriron un descenso inmediato desde a irrupción da crise económica.
Esta delicada situación esixe a adopción de medidas con carácter inminente, pois afecta a un dereito social recoñecido constitucionalmente como é o acceso a unha vivenda digna. Até o momento, o Goberno do Estado púxose de lado das entidades financeiras ao mostrar a súa pasividade malia o aumento das execucións hipotecarias. Así mesmo, a Xunta de Galiza, consonte as súas competencias en materia de protección dos consumidores, consumidoras, usuarios e usuarias, non impulsou unha soa medida para atallar a situación descrita, cando as persoas afectadas teñen a condición de usuarios e usuarias de produtos financeiros.
A presente moción insta a que se avance nunha reforma da normativa civil, hipotecaria e procesual que permita ponderar adecuadamente os intereses en conflito en caso dunha execución hipotecaria, cando a persoa debedora actuou de boa fe e o inmóbel sobre o que se constituíu a garantía hipotecaria constitúe a vivenda habitual, de xeito que existan causas legais de oposición que poidan ser valoradas polos Xulgados en función da situación económica e social da persoa debedora, non só en relación á posición de privilexio do acredor, para evitar con iso que, á profunda falta de ingresos de moitas economías domésticas que lles impide levar un nivel de vida digna, se xunte a perda da vivenda habitual.
Por iso, solicitamos do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Solicitar da Xunta de Galiza a que inste ao Goberno do Estado a
1. Impulsar unha reforma lexislativa en materia civil, hipotecaria e procesual dirixida a protexer as persoas cuxa vivenda hipotecada é residencia habitual, que contemple:
a. Admitir a dación en pagamento como cancelación da totalidade da débeda hipotecaria.
b. Posibilitar que nos procesos xudiciais de execución hipotecaria, existan mecanismos de oposición a favor das persoas debedoras que conduza a unha moratoria no pago dos prazos pactados acomodándoos á situación económica da persoa debedora, á transformación nun contrato de arrendamento con opción a compra ou á condonación parcial da débeda.
2. Vincular calquera axuda pública ás entidades financeiras a aceptaren un Código de Conduta sobre execucións hipotecarias onde se comprometan a negociar coas persoas debedoras que atravesan dificultades económicas e destinan o inmóbel a residencia habitual, unha moratoria no pago da débeda axustándoa á evolución da situación económica.