Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS Pescados Rubén B viaxa a Marín á pista do pechacancelas

O BURELA B VIAXA Á PISTA DO PECHACANCELAS

A novena xornada de Terceira División envía o Burela FS Pescados Rubén B a Marín, á pista do pechacancelas, Grupo7a CAFYD, unha oportunidade a priori excelente para que os laranxas continúen a boa etapa de resultados e se manteñan por riba do ecuador clasificatorio. O encontro será o domingo, no pavillón A Raña, ás 12.30 horas.

Para o xuvenil Carlos Valle Izaguirre, máis coñecido como Carlitos, non pode haber dúbidas na resolución deste compromiso: “Este é un partido que temos que gañar se queremos continuar pelexando na liga; despois de medirnos aos favoritos precisamos darlle continuidade a esta boa etapa e conseguir todos os puntos”. O burelista, que se atopa como peixe na auga na súa primeira experiencia “cos maiores”, é verdadeiramente optimista fronte a un rival que só puido sumar dous puntos, ante O Carballiño (3-3) e Eypar (5-5), na quinta e sexta xornada respectivamente: “Somos un equipo sen experiencia, con xogadores moi novos, pero estamos conseguindo posicionarnos; véxonos con posibilidades” augurou o xogador laranxa.

Carlitos, unha das referencias goleadoras do conxunto de Lucas, afronta moi decidido este novo envite co Burela B nunha gran semana, repleta de oportunidades co equipo sénior, en Copa e amigable, ademais do chamamento de Galicia Sub-19. “É unha honra que Julio Delgado conte con nós e que os xogadores nos axuden para que nos sintamos un máis, para que esteamos cómodos tanto nos adestramentos coma na pista”, expresou o burelao, que ve a primeira convocatoria do combinado galego como “unha porta máis que se me abre no fútbol sala, unha experiencia que vivirei ademais con compañeiros de Burela”

Exit mobile version