COMEZA O TOUR SEMANAL LARANXA, CON ESCALAS EN MELILLA E MURCIA
O Burela FS Pescados Rubén ultima os detalles para iniciar con enerxía o tour que o manterá lonxe da Mariña durante toda a semana. A expedición laranxa partirá mañá pola con rumbo a Melilla para disputar pola tarde-noite os dezaseisavos da Copa do Rey (20.30 horas), ante un rival co que xa se mediu na Segunda División. A segunda escala burelista será o sábado, na sétima xornada de Primeira, na pista do titán ElPozo Murcia (18.00 horas).
O conxunto de Julio Delgado chega moi motivado á cita real, tras o xogo amosado o sábado fronte ao Inter Movistar, a pesar do resultado adverso (1-2): “Queremos chegar o máis lonxe posible. Encararemos o encontro co ánimo de pasar de rolda; ata o xoves todos os nosos pensamentos estarán no Melilla” explicou o técnico burelista, compracido co traballo dos seus xogadores e confiado da evolución do Burela FS: “O cadro está medrando, véno demostrando partido a partido nas últimas citas. As sensacións ante o Inter foron óptimas, mágoa dos dous últimos minutos; ao ter o partido tan preto, ao final doe marchar de baleiro, porque oportunidades coma a do sábado poucas veces se presentan. No entanto, hai que quedarse co traballo ben feito para seguir mellorando”.
A escuadra mariñá contará coas ausencias xa coñecidas dos capitáns, Juanma e Edu; viaxarán Antón, Fabio e Erik.