Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros adicará tres xornadas ao Día Internacional contra a Violencia de Xénero

BARREIROS SERÁ ESCENARIO DURANTE TRES DÍAS DE ACTIVIDADES PARA CONMEMORAR O DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. HABERÁ UN CURSO DE AUTODEFENSA, TALLERES, UNHA CHARLA E TEATRO.

Barreiros, 16 de novembro de 2012. Para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero o Concello de Barreiros ten programado un ciclo de actividades que se desenvolverán dende o venres, día 23, ata o domingo 25 deste mes.

O primeiro día, o venres, os actos desenvolveranse nos colexios. Para cada ciclo de Primaria dos CEIP de San Miguel de Reinante e San Cosme de Barreiros haberá un taller no que unha terapeuta ocupacional fará actividades para a prevención e información sobre a violencia de xénero por medio das artes plásticas.

Para o sábado 24 está programada unha charla sobre violencia de xénero a cargo da enfermeira Begoña Fernández. Será ás once da mañá no centro sociocultural, xuvenil e da terceira idade Manuel Díaz Sampedro, de San Cosme. Nese mesmo lugar, pero de catro a sete da tarde haberá un curso de autodefensa dirixido a mulleres e homes maiores de idade. Cada participante deberá pagar un euro.

E rematarán as actividades o domingo 25 de novembro cunha representación teatral da obra Ánxela, a cargo do grupo de teatro local da asociación VEA (Vontade, Entrega, Acción). Será tamén no centro sociocultural de San Cosme e empezará ás seis da tarde. Nese mesmo acto lerase un manifesto contra a violencia de xénero e gardarase un minuto de silencio polas vítimas desta lacra social.

Exit mobile version