Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela contará cun obradoiro para formar a quince persoas desempregadas

GONZÁLEZ BARCIA ANUNCIA QUE A XUNTA VEN DE CONCEDERLLE UN OBRADOIRO DE EMPREGO AO CONCELLO DE BURELA. NEL FORMARÁNSE 15 DESEMPREGADOS DURANTE SEIS MESES. O INVESTIMENTO SERÁ DE 133.000 EUROS.

Burela, 2 de novembro de 2012. O alcalde de Burela, o popular José María González Barcia, anunciou hoxe que “a Xunta ven de concederlle ao Concello burelés un obradoiro de emprego para formar a quince persoas desempregadas”.

O rexedor manifestou que “ésta é unha magnífica noticia que ven a confirmar, por un lado, a preocupación que temos desde o equipo de goberno por axudar a xerar emprego e á formación dos desempregados para facilitarlles o acceso ao traballo, e por outro a implicación da Xunta de Núñez Feijoo co Concello de Burela”.

González Barcia afirmou que “o obradoiro de emprego, que leva o nome de Faro de Burela IV, está destinado a formar a quince persoas desempregadas en materia de axuda a domicilio, un campo no que actualmente hai demanda de traballadores. As persoas que asistan ao obradoiro e o superen conseguirán unha acreditación homologada que certifica a profesionalidade para poder desempeñar un posto de traballo no campo da axuda a domicilio”. A duración do obradoiro, que está destinado a segmentos de poboación con especial dificultade para atopar traballo, será de seis meses.

Importante tamén é o investimento, indicou Barcia, que “será de 133.000 euros englobando todos os custos, os do profesorado e persoal auxiliar, o dos alumnos, materiais a empregar, etc”.

O alcalde de Burela dixo que “o pasado mércores demandóusenos por parte da Xunta que comunicáramos os nomes das dúas persoas que formarán parte do Grupo Mixto que levará a cabo o proceso de selección do alumnado, profesorado e persoal auxiliar, e no mesmo día se lle comunicaron á administración autonómica os nomes e postos das mesmas, para poñerse a traballar tan pronto a Xunta o demande”.

José María González Barcia afirmou que “o compromiso da Xunta é innegable. A este investimento de 133.000 euros temos que sumarlle o destinado para os doce traballadores de Grupo Municipal de Intervención Rápida que foron 115.000 euros; outros 25.000 euros para os tres postos do GMIR estable e 33.500 euros para os socorristas. Ademais hai que engadir os 170.000 euros dos catro cursos de formación ocupacional que neste momento están a piques de rematar e que atenden a 60 persoas desempregadas”. O rexedor subliñou que “en total son 476.500 euros os adicados á contratación de persoal nos últimos meses en Burela, unha cifra respectable nos tempos que estamos a vivir. Mentres outros fan política de boquilla, nós traballamos para mellorar o emprego e mellorar a formación das persoas que buscan emprego, para facilitarlles precisamente o acceso ao mundo laboral”.

Finalmente, o alcalde burelés manifestou que “o obradoiro ten que comezar a funcionar este ano, supoño que a principios do vindeiro mes de decembro”.

Exit mobile version