Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo renova unha tubaxe que subministra de auga aos lugares de Lagas e Pedrosa

Cervo renova unha canalización de auga que dá servizo a Lagas e Pedrosa

-Os servizos de augas e obras municipais instalaron 500 metros de tubaxe, que vén a substituír unha antiga canalización que daba problemas

Cervo, 13 de novembro de 2012-O Concello vén de acometer a renovación dunha tubaxe que subministra de auga potable aos lugares de Lagas e Pedrosa, na parroquia de Cervo. En concreto, o servizo municipal de augas e a brigada de obras instalaron unha nova canalización para mellorar a achega de auga a estes núcleos. Esta tubaxe substitúe a anterior, na que se teñen producido certos problemas como fugas. A administración local decidiu realizar un cambio de canalización na contra de facer unha reparación co obxectivo de atallar estas carencias de raíz e deste xeito “mellorar o benestar da veciñanza” asegura o alcalde, Alfonso Villares.

A obra consistiu en colocar unha nova tubaxe de polietileno de 500 metros de lonxitude e 50 mm de diámetro sobre unha base de area, unha canalización que xa está dando servizo aos lugares citados. O rexedor e o edil de Zona Rural, José Ramón Soto, estiveron comprobando o grao de execución das obras, que están moi avanzadas.

O mandatario cervense asegura que esta actuación “era moi necesaria para garantir un correcto abastecemento de auga a ambos núcleos e minimizar o risco de novos escapes”. Ao mesmo tempo, Villares manifesta que este tipo de accións “están na liña de atender e mellorar os servizos básicos da veciñanza, como son o abastecemento de auga, o saneamento ou calquera outro servizo imprescindible na calidade de vida das persoas”. O primeiro edil reiterou o seu compromiso e o de todo o goberno local coas instalacións, equipamentos e servizos que se poñen ao dispor da cidadanía dende o Concello de Cervo.

Exit mobile version