Ribadeo, 12 de novembro de 2012. O Concello instalou dúas marquesiñas en Cinxe e San Ramón. O alcalde, Fernando Suárez, sinala que “así se vai dando cumprimento ás demandas que nos plantexan os veciños e as veciñas de Ribadeo”.
O rexedor sinalou que “continuando con estas actuacións que sempre hai que manter nas parroquias e que responden ás demandas que nos fan as diferentes asociacións de veciños estes días estivemos poñendo dúas marquesiñas, unha no barrio de Cinxe e outra á altura de San Ramón, tamén na parroquia da Devesa, para que os nenos poidan abrigarse da choiva e do frío cando están a agardar os autobuses escolares. Isto responde a unha demanda que nos fixeran os veciños hai tempo”. Suárez Barcia dixo que “desde o Concello de Ribadeo somos conscientes cando a xente nos fai unha queixa, unha crítica fundamentada, tentamos cumprila, pero nin somos magos nin temos a capacidade de poder cumprir nada máis que a xente o demanda. Tomamos nota e en canto podemos cumprimos a intención e o desexo dos veciños”.
O alcalde ribadense indicou que “tamén esta tempada estamos acabando de colocar toda esta serie de fixacontedores, que polos diferentes barrios e parroquias estivemos a colocar durante estes últimos tempos. Son unhas actuacións que están sufragadas con cartos desta asociación de Concellos da Reserva da Biosfera e que supón poñer un bó lote de fixacontedores para evitar que o vento os mova e acaben ciscados ou no medio das estradas”. E engadiu que “aínda que colocamos un bó número deles non imos dar cumprida solución a todos os problemas, dado que contedores nas parroquias hainos a centos e aquí eran uns 50 os que estamos instalando nos puntos máis estratéxicos e conflictivos das encrucilladas e pedíndolles opinión ás asociacións de veciños sobre os mellores sitios para actuar nesta primeira remesa”.