O CONCELLO INSTARÁ A FOMENTO, A TRÁFICO E Á XUNTA PARA SINALIZAR E PERMITIR QUE OS CICLISTAS POIDAN CRUZAR A PONTE DOS SANTOS POLAS BEIRAVÍAS DA A-8.
O rexedor dixo que “é innegable que o desdobramento da Ponte dos Santos para convertela en autovía foi un avance moi importante tanto para Galicia como para Asturias aínda que, se cadra, con esta ampliación houbo algúns aspectos que quedaron moi mal resoltos, como é o caso das beirarrúas, que quedaron demasiado estreitas, escasamente un metro de ancho, co cal actualmente cando dous peóns se cruzan débeno facer incluso con coidado e cando neste caso se cruza un peón cun ciclista xa necesariamente ten que baixarse da bicicleta para poder cruzar con coidado”.
Suárez Barcia subliñou que “a Ponte dos Santos tamén é o acceso principal do Camiño de Santiago pola súa ruta do norte e hai que ter en conta que hai poucos días un ciclista mancouse, caeu por estar as plaquetas dunha das beirarrúas da Ponte dos Santos en mal estado, rompeu a mandíbula e afortunadamente todo quedou aí, porque un accidente, unha caída en bicicleta na beirarrúa da Ponte dos Santos pode implicar que podes caer da ponte en baixo”.
O alcalde de Ribadeo explicou que “a raíz diso un grupo de colectivos, de xente a título individual ou de clubs ciclistas convocáronse na mañá de onte nas inmediacións da Ponte dos Santos para protestar e para demandar do Ministerio de Fomento e tamén da Dirección General de Tráfico que adopten medidas, que existen no regulamento xeral de circulación, para posibilitar que os ciclistas tamén poidan andar polas autovías polo que é a beiravía, polo que é o arcén (coñecido), cando non haxa alternativas a unha autovía”. E engadiu que “a alternativa de cruzar a Ponte dos Santos en bicicleta significa dar unha volta de 27 quilómetros pola Veiga e iso non é alternativa de nada. Polo tanto o que se pretende é que, en aplicación desta normativa, se sinalice correctamente e entre a rotonda de Vilaselán e a das Figueiras os ciclistas tamén poidan entrar e andar pola beiravía, que era como andaban antes de que a Ponte dos Santos se desdobrara, incluso cuns arcéns moito máis estreitos de como están agora”.
Fernando Suárez indicou que “esta proposta que vamos debater neste pleno é para pedirlle precisamente ao Ministerio de Fomento e á Dirección General de Tráfico, así como tamén á Xunta de Galicia, que removan estes obstáculos e que precisamente un elemento de transporte que debemos potenciar desde as institucións, como é a bicicleta, se poida usar con seguridade e ao mesmo tempo se aplique a lexislación vixente, xa que non se pretende cambiar senón que se aplique correctamente”.
Desta proposta o Concello de Ribadeo daralle conta ao veciño de Castropol, a través do seu alcalde, “para que desde a outra beira da ría poidan facer tamén o propio para entre todos lograr que os ciclistas dunha marxe e da outra, da parte galega e da parte asturiana, poidamos seguir cruzando a Ponte dos Santos con seguridade, con comodidade e para evitar incidentes desafortunados como o que pasou hai poucos días”.