Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Ribadeo inviste 68 mil euros na reparación de camiños en parroquias

O CONCELLO INICIA A REPARACIÓN DE CAMIÑOS EN VARIAS PARROQUIAS. OS TRABALLOS SUPORÁN UN INVESTIMENTO DE 68.000 EUROS.

Ribadeo, 22 de novembro de 2012. O Concello procede a reparar camiños en varias parroquias. Os traballos, que se farán con fondos propios e tamén con cargo ao POS da Deputación de Lugo, suporán un investimento de 68.000 euros. As vías atópanse en Covelas, Cedofeita, Ove, Piñeira, Vilaselán, Vilaframil e A Devesa.

O alcalde, Fernando Suárez, anunciou que “no día de hoxe comezan os traballos de reparación dunha serie importante de camiños municipais en moitas das parroquias do noso concello atendendo tamén moitas das reivindicacións das propias asociacións de veciños e sabendo que Ribadeo ten unha rede impresionante de camiños con moitos quilómetros. E aínda que tódolos anos amañemos e rebacheemos a chuvia, as xeadas, o mal tempo e o paso dos vehículos vanos estragando, de tal maneira que cando acabamos de amañar todo de alí a pouco tempo outras fochas e novos danos empezan a aflorar”.

O rexedor sinalou que “agora a situación respecto a outros anos é que cada vez temos menos diñeiro os concellos. Para mostra un botón: o Plan de Obras e Servizos que vamos levar adiante entre a Deputación de Lugo e máis o Concello vese reducido á metade, dado que a achega do Goberno estatal é de cero euros. E realmente iso lévanos a que teñamos que ir tirando máis de fondos propios municipais para tentar salvar esta deficiencia, porque a xente non se pode deixar desatendida cando hai baches nos camiños”. E engadiu que “agora temos que incrementar a nosa partida de fondos propios e entre o Plan de Obras e Servizos e o plan municipal ascende a uns 68.000 euros, que non nos van dar para facelo todo o ben que quixéramos nin para chegar a tódolos camiños que quixéramos, pero cando menos no que queda de ano vamos darlle unha boa voltiña, para que estea máis ou menos aceptable, e en todo caso para o ano que ven volver facer outra remesa de camiños”.

Fernando Suárez referíuse tamén “a este camiño que se estaba vendo eterno o seu amaño por parte da Xunta, a subida a Noceda, obra pola levamos xa esperando dous anos e pico e que sufriu diversas suspensións. Esperemos que no vindeiro mes de decembro se poñan dunha vez por todas a amañalo porque vai resolver tamén unha importante vía de comunicación entre as parroquias da costa a as do interior, que é a subida a Noceda”.

O alcalde de Ribadeo dixo que “seguimos atendendo as necesidades das asociacións de veciños. Moitas veces tomamos nota e non o podemos facer nese mesmo momento, pero acabamos facendo moito do que nos piden”.

Exit mobile version