Site icon Crónica3.com A Mariña

O Ecosocialistas “chaman a construír dun xeito aberto e cooperativo AGE”

Ecosocialistas fai unha valoración da situación da esquerda nacional e do galeguismo progresista e chama a construír de xeito aberto e cooperativo AGE

Espazo Ecosocialista organiza unhas xornadas nas que participa persoas e representantes da esquerda renovadora que hoxe participan en diferentes plataformas político/electorais

Persoas e representantes de do PSdG, Abrente (BNG), Anova, EU, CxG e o propio Espazo Ecosocialista participarán nas Xornadas que co titulo “Renovando a Esquerda” se inician o próximo xoves 29 de novembro na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais de Santiago de Compostela.

Para presentar as mesmas, así como para analizar a situación da esquerda nacional e do galeguismo político compareceron hoxe en rolda de prensa o Responsable de Organización de Espazo Ecosocialista, Manel Cardoso, e o seu Coordinador, Xoán Hermida.

Para os ecosocialistas asistimos a unha crise sen precedentes que os oligopolios e a dereita política están a aproveitar para o recorte drástico de dereitos sociais e o cuestionamento de liberdades individuais; un ataque sen precedentes aos piares do estado de benestar como o ensino, a sanidade e o benestar social; ou un proceso de intento de recentralización eliminando as pequenas cotas de autogoberno do noso país.

Estamos diante dunha crise sistémica que ameaza con levar por diante tódolos dereitos e tódalas conquistas sociais e políticas do último medio século e ameza con agravar as desigualdades sociais e desequilibrios medioambientais.

Moitas persoas, familias e colectivos viven en situacións dramáticas e o colectivo de persoas que viven por debaixo do umbral da pobreza non para de medrar.

Diante desta gravísima situación a esquerda necesita facer unha profunda reflexión medular á vez de buscar formulas practicas que resolvan contradicións secundarias necesariamente a superar desde a cooperación e a vontade de colaboración.

Para os ecosocialistas se algo amosan as eleccións celebradas en Euskadi, Galicia e Catalunya ademais dunha quebra do modelo bipartidista, ou bipartidista imperfecto coma en Galicia, e a demanda por parte da cidadanía de forzas situadas con claridade no campo da esquerda e que aborden esta etapa de xeito unitario. O exito de ICV-EUiA, que aprobeitamos desde Espazo Ecosocialista para felicitar, igual que anteriormente o de Bildu ou o de AGE amosan que a xente respalda certos indicios de renovación e de traballo unitario.

Segundo Xoan Hermida “cando hai uns meses iniciouse o proceso de reconstrución da esquerda galega, froito fundamentalmente da ruptura do que fora ata ese momento o espazo común da esquerda nacionalista pero non só, algúns xa advertiamos que este ía ser un proceso longo e complexo pois non era alleo á crise global que sufría unha esquerda produtivista, corporativista e etnocentrista ben sexa na súa versión comunista ou socialdemócrata.”

“Un proceso que”, segundo o Coordinador de Espazo Ecosocialista, “tiña que ver con problemas metodolóxicos, salientados reiteradamente en diversos foros e debates, pero fundamentalmente epistemolóxicos, e polo tanto imposible de abordar na súa reconstrución sen anovar os paradigmas e os parámetros nos que se asentou a propia esquerda nas ultimas décadas.”

Estabamos pois diante dun proceso que requiría presentar unha oferta electoral ás eleccións autonómicas en cernes pero sendo conscientes de que a necesidade da reconstrución e renovación da esquerda galega ía por forza mais aló da data das eleccións.

Para Xoán Hermida, “o xurdimento de AGE e a súa irrupción no parlamento galego é un punto de inflexión importante na reconstrución da esquerda galega. Ademais faixe sobre un novo paradigma o da unidade da esquerda nacionalista e non nacionalista sobre un proxecto nacional galego.”

Pero ese paso necesita vertebrarse, ampliarse e consolidarse como alternativa aberta e cooperativa.

A vertebración é central porque AGE vai máis alo dos dous partidos con representación parlamentar, mesmo máis alo dos catro partidos que a conforman. AGE é patrimonio dos homes e mulleres que sairon da súa resignación para darlle unha nova oportunidade á esquerda. Tratase de votantes esixentes que non van perdoar un novo fracaso.

A ampliación é precisa. Lamentablemente hoxe o espazo da esquerda galega tan necesario aparece atomizado, dificultando a súa capacidade de incidencia política e influencia social.

Existen sectores de esquerda renovadora en plataformas político/electorais como AGE, pero tamén no BNG e mesmo no PSdG hai xente con miradas de esquerda, que co tempo será necesario reagrupar nun espazo único de caracter nacional.

Pero a renovación vai máis alo da reconstrución. Hoxe estamos aínda no proceso incipiente de reconstrución, reunificación e reubicación, pero senón somos capaces de renovar as nosas ideas, as nosas linguaxes e sobre todo as nosas praxes a esquerda quedara reducida ao resistencialismo e non dará o paso para converterse en alternativa.

AGE é unha aposta e un campo de experimentación de para aprender a cooperar. Necesitamos ideas para o século XXI que teña en conta tódalas novas realidades coma a que pon diante nosa os limites do planeta, novas linguaxes para conectar coa sociedade allea as formas de falar dos políticos e praxes de cooperación e radicalidade democrática que desterrar a competitividade ou interpreten a polítican termos de xuntas de accionistas de corporación, onde importa máis a fisica dos postos e dos cargos que a quimica das ideas e dos programas.

Segundo dixo Xoán Hermida, “a forma de entender a praxe política no século XXI debe estar máis cerca do funcionamento das redes sociais cooperativas e do software libre en rexime aberto, para poder incorporar eficazmente as mellores ideas e aportacións coa máxima eficacia na construción da alternativa. A competitividade nese sentido representa a vella política pechada e pouco transparente deixa polo camiño aportacións intelectuais necesarias e activistas”.

A incorporación de Espazo Ecosocialista a AGE fixose coma unha aposta pola unidade máis ampla da esquerda nese momento posible pensando na derrota do PP pero tamen na construción dunha alternativa ás políticas de recortes sociais e democráticos.

Tralos bos resultados acadados, AGE debe pilotar iniciativas unitarias que permitan amplas alianzas no marco da esquerda nacional sabéndose parte dun proxecto plural compartido entre os partidos que a compoñen pero compartido fundamentalmente coa sociedade. Na construción dun movemento político-cívico sustentado nos partidos que o conforman e nas organizacións sociais as que ten que representar, nunha dinámica bidireccional.

Espazo Ecosocialista considera imprescindible para seguir a construír o necesario proxecto cooperativo amplo de esquerda nacional e do galeguismo progresista a existencia dun referente orgánico da esquerda galega renovadora sen o cal a reconstrución pode acabar afogando a necesaria renovación.

Nese senso, a renovación é un proceso longo e complexo que necesita de reflexións e tender as pontes necesarias para construír o espazo da esquerda galega plural e cooperativa.

O responsable de organización de Espazo Ecosocialista, Manel Cardoso, informou da composición das catro mesas das xornadas que abordaran os seguintes temas: ‘ideas para o século XXI’, ‘radicalidade democrática e desafección política’, ‘converxencias na renovación’ e ‘os retos da esquerda renovadora’. En dúas sesións: xoves 29 de novembro e xoves 13 de decembro na Facultade de CC.PP e Sociais da USC.

Nestas xornadas de reflexión sobre a renovación e converxencia da esquerda participaran persoas e representantes da esquerda renovadora que hoxe participan de diferentes plataformas político/electoriais como Encarna Otero, Xan Facal, Manuel Barreiro, Xaquin Fernandez Leiceaga, Xesus Veiga, Yolanda Diaz, Martiño Noriega ou Xulia Guntin entre outras; ademais dos propios membros de Espazo Manuel Dios, Xan Duro e Xoán Hermida.

Tal como informou Manel Cardoso, as xornadas teñen un caracter expansivo, para o cal serán gravadas e editadas para a súa continuación ern actos comarcais.

Exit mobile version