Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Foz decide poñer a depuradora en Sarrido “a opción que menos afección ten para a poboación”

O GRUPO DE GOBERNO FOCENSE DECIDE

30 de Novembro de 2012. O grupo de goberno do Concello de Foz decideu a próxima ubicación da nova depuradora de Foz sexa en Sarrido ante a abdicación da xunta de portavoces.

A falta de responsabilidade dos grupos da oposición que non aceptaron votar por ningunha das opcións viables, e despois das últimas declaracións públicas, nas que o Psoe e Bng atribúen ao Alcalde como único competente neste sentido, o grupo de goberno colle o testigo e asume o peso da decisión apostando pola opción que menos afección ten para a poboación, e para o sector económico-produtivo focense.

Sarrido será, segundo o Goberno Local o emprazamento proposto, tal e como defenderon dende un principio, avalados polos informes emitidos polas diferentes administracións,sendo a opción viable mellor puntuada, a máis illada e a que mellores garantías ofrece de provocar as menos molestias posibles.

O goberno focense comunicará estes próximos días a súa decisión aos grupos da oposición e o fará tamén mediante proposición de alcaldía ao pleno antes de que remate o ano.

A proposición que irá a pleno, ten 3 obxetivos fundamentais:

1-Facultar e apoiar ao Alcalde a realizar as xestións necesarias coa Xunta de Galicia para iniciar o proceso de eliminación da Edar do núcleo urbano de Foz, e con elo solucionar definitivamente o problema de cheiros e vertidos na ría.

2-Facultar e apoiar ao alcalde para que inicie as xestións para a compra dos novos terreos en Sarrido, de acordo á ubicación especificada no estudio de alternativas de Augas de Galicia, posto que é requisito a entrega dos mesmos por parte do concello.

3-Instar á Xunta de Galicia a que inicie o anteproxecto contemplando a ubicación da Edar en Sarrido.

Confiamos en que a oposición sexa leal aos intereses locais e non bloquee a tramitación deste expediente, porque estaría, como quedou sobradamente prexudicando os intereses do pobo, que reclama maioritariamente que se resolva o problema que xera a actual Edar de Foz.

O Sector turístico e hostaleiro, a asociación de comerciantes, a mesa local do comercio, asociacións de veciños e culturais do núcleo urbán, usuarios do porto, usuarios da piscina municipal, usuarios e postos do mercado semanal, comisións de festas, e a maioría dos veciños, en xeral, están pedindo á corporación que aposte por unha solución viable, inmediata, que elimine definitivamente as molestias.

Por outro lado, as administracións competentes e os técnicos puxeron todos os medios para facilitarnos a toma da decisión, e están esperando por nós para que decidamos iniciar a resolución dos problemas que está provocando a Depuradora de Foz, co risco de sufrir fortes sancións medio ambientais se non o solucionamos.

Recoñecemos que non é doado implantar unha Edar nalgún punto da costa focense, sabedores da riqueza natural que posuímos, dende a Ría de Foz ata a Punta da Areoura en Cangas son moitos os lugares e praias que merecen a máxima admiración polos focenses e por aqueles que nos visitan.

Deixamos claro tamén que a decisión e responsabilidade de levala para Sarrido é única e exclusiva do Grupo de goberno, que o único que necesita é que a oposición non a bloquee, xa que tampouco quixo posicionarse noutra alternativa viable.

Pedimos a todos os veciños de Sarrido,de Foz, e de Forxán que entendan que a decisión non foi doada para ningún dos grupos municipais, e que única e exclusivamente se tenta avogar polo interese xeral do noso concello.

En todo momento tentamos evitar os localismos ou e enfrontamentos das partes afectadas, e asumimos con responsabilidade que é noso deber tomar unha decisión inmediata.

Sarrido será o sitio elixido, esperando que todos aqueles que se ven afectados entendan a nosa decisión, e que non teñan a menor dúbida de que nos merecen, como non podía ser doutro xeito, o noso máximo respeto.

Exit mobile version