Site icon Crónica3.com A Mariña

O POSE de Burela inicia unha rolda de contactos coas asociacións do pobo

A Comisión Executiva do PSdG-PSOE de Burela, ven de iniciar unha rolda de contactos coas asociacións do noso pobo. Nesta primeira reunión que tivo lugar na tarde de onte, mantivemos unha charla coas asociacións e clubs deportivos na que nos expuxeron as súas necesidades e as dificultades que están a pasar ante o pouco ou nulo apoio que están a recibir por parte do equipo de goberno do PP de Burela.

Os clubs deportivos fixéronnos chegar as dificultades que están a pasar para poder cubrir os seus presupostos ante o nulo apoio económico do equipo de goberno de Burela, e incluso denunciaron as dificultades que se lles están a poñer para o seu funcionamento normal, mostrando así o pouco interés que este equipo de goberno do PP ten polo deporte da nosa localidade. Como pequenos exemplos podemos citar a tardanza de máis dun ano en colocar unha farola no club náutico ou a falla de auga quente para ducharse ós participantes dunha marcha cicloturista organizada polo club ciclista, dende o PSdG-PSOE pensamos que isto é inconcibible por parte dun equipo de goberno que se prece.

En canto ás escolas deportivas do fútbol, fútbol sala ou baloncesto que xestionan a preto de 400 rapaces, outro tanto do mesmo, nin un só euro de axuda económica, facendo que incluso haxa familias que teñen que pedir axuda ós directivos dos mesmos para poder pagar as cuotas mensuais que tiveron que fixar para o seu funcionamento, como xa temos denunciado en outras ocasións, o equipo de goberno de Burela está a conseguir que o deporte se estiña a converter nun luxo que non todos poden pagar, discriminando así ós máis desfavorecidos. Dende o PSdG-PSOE entendemos que isto non pode seguir así, xa que entendemos o deporte como un ben de todos os veciños e veciñas e que entre todos debemos de poñer todas as facilidades para que todo o mundo que queira o poda practicar, xa que ademais dos beneficios para facer unha sociedade sa, favorece o compañerismo e a integración dos nenos.

O que máis nos chamou a atención é que haxa directivos de clubs que non coñezan á Concelleira Delegada de Deportes, o que é un síntoma claro do interese deste goberno polo deporte. Non somos capaces de entender como despois de ano e medio de goberno non puido encontrar unha hora para facer unha reunión coas asociacións de clubs deportivos.

Dende o PSdG-PSOE, e ante esta situación, temos intención de que o Grupo Municipal do PSdG-PSOE impulse iniciativas para facer que esta actitude do equipo de goberno cambie, e facerlle ver que ten que cambiar de postura con respecto ó deporte do noso pobo. Sendo conscientes de que a situación económica do Concello non é a mellor pensamos que existen prioridades e entendemos que esta ten que ser unha delas, pensamos que cando menos se lle debe de facilitar o máximo posible ás asociacións e clubs o seu funcionamento, e pensamos que deben de ser colectivos prioritarios en canto as axudas que dende o Concello se poidan dar, xa que a súa función é primordial. Xa lle temos dito ó Sr. Barcia por onde pode facer os recortes en varias ocasións, de momento sen resultado.

Tamén queremos felicitar a labor de toda a xente implicada nesta asociacións e clubs, xa que entendemos que a súa función, máis aló do deportivo, é unha función social que entre todos debemos de apoiar e facilitar o máximo posible.

Exit mobile version