Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE apoia a folga de entregas de leite que están a executar os gandeiros

O PSdeG de Lugo censura que Feijóo “nin sequera tivo o xesto e vontade política de recibir os gandeiros”

-O secretario de economía e cooperativismo do PSdeG na provincia, Manuel López
Vázquez, esixiulle “iniciativa” ao presidente da Xunta. “Ten competencias e
medios para facelo, se non non se entende por que en Asturias e Castela os
gandeiros cobran 5 e 6 céntimos máis por litro”, afirmou

O secretario de economía e cooperativismo do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, Manuel
López Vázquez, manifestou o apoio do partido á folga de entregas de leite que están a
executar os gandeiros de toda Galicia. O socialista destacou a “total unanimidade do sector”
e o “clamor popular” ante unha situación de extrema gravidade e censurou a actitude de
Alberto Núñez Feijóo. “O presidente da Xunta hoxe falou no debate de investidura de apoiar
o sector e crear emprego, e leva catro anos nin tomar nin unha medida eficiente”, afirmou, e
incidiu en que Feijóo “nin sequera tivo o xesto e a vontade política de recibir os
representates dos agricultores na reunión de onte para tratar de chegar a un acordo”.López
Vázquez lembrou que a Xunta “ten competencias e medios para facelo, se non non se
explica que en Asturias ou Castela os gandeiros cobren 5 e 6 céntimos máis por litro”.
“Hai competencias, e hai que ter verdadeira vontade política nunha situación límite, Feijóo
debe tomar a iniciativa xa”, esixiu. O socialista lembrou que o lácteo é máis importante para
a provincia de Lugo que o naval para Galicia, supón a mesma porcentaxe con respecto ao
PIB da provincia que o naval para Galicia, e o lácteo xenera máis postos de traballo en Lugo
que o naval en toda a comunidade. “15.889 persoas traballan directamente na agricultura en
Lugo. Cos indirectos, 20.000 postos de traballo están en perigo na nosa provincia, con zonas
como Sarria, Terra Chá, Lugo ou Chantada nas que, se desaparece o lácteo, directamente
desintégrase o tecido produtivo. Con Feijóo xa pecharon 1.100 granxas en Lugo. Quedan
algo máis de 5.000 (5.136) e a sangría parece non ter fin”, explicou.
“COHERENCIA” DO GOBERNO CENTRAL
López Vázquez pediulle asimesmo a Feijóo que lle esixa coherencia ao Goberno Central do
PP, xa que “mentres desde o Ministerio de Agricultura se conclúe que o prezo de venta ao
público do leite non debe ser inferior a 65 cts/litro, o Ministerio de Economía, a través da
Comisión Nacional da Competencia, recomenda que deixe de tipificarse como delicto a venta
a perdas. Xa sabemos por que algún medios internacionais valoran tan ben a algún ministro.
Que se coordinen e traballen nun tema clave para a nosa economía”, afirmou.
O secretario de economía e cooperativismo, Manuel López Vázquez, estivo no
pleno da Deputación de Lugo xunto con outros membros do partido na provincia e
con representantes do sector gandeiro, portando carteis en apoio ao sector lácteo

Exit mobile version