Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE está “farto” da “insostible situación, sen precedentes” que vive o alcalde de Lugo

O PSdeG-PSOE de Lugo, “farto” da “insostible situación, sen precedentes” que vive López Orozco

O secretario xeral lucense, Luis Álvarez, lamenta asimesmo “as desafortunadas coincidencias” dos tempos xudiciais cos políticos e lembra que os xulgados xa arquivaron causas contra o alcalde lucense ata en dúas ocasións

A Executiva Local do PSdeG-PSOE de Lugo asegura estar “xa farta” da “insostible situación” e a “continuada presión e exposición pública” á que está sometido o alcalde lucense, José López Orozco. “A situación xudicial que está a vivir xa sobrepasa os límites do comprensible”, censura o secretario xeral, Luis Álvarez, que destaca o “absoluto apoio” ao rexedor e o “total convencemento da súa inocencia, unha vez máis”, como xa se demostrou ata en dúas ocasións anteriormente.

Álvarez lembra que a situación de López Orozco “non ten precedentes”, cun total de cinco imputacións acumuladas, dúas delas xa arquivadas polos xulgados número dous e tres de Lugo, e outras tres abertas con esta última da Operación Pokemon. “Nunha delas a Fiscalía xa manifestou ata en dúas ocasións que non ve delito”, destaca Álvarez, “e noutra foi imputada nada menos que toda a Xunta de Goberno Local”. Con respecto á coñecida hoxe, recorda que “o propio Orozco púxose a disposición da xuíza voluntariamente e ata o ratificou no seu despacho, pero ela non lle tomou declaración e agora anuncia a imputación”.

Desde a Executiva Local lamentan asimesmo “as desafortunadas coincidencias que teñen lugar en todos estes casos”. A esas “coincidencias” no período electoral súmase que a última imputación se coñeceu o día anterior do Pleno do Parlamento, e Orozco “terá que declarar o día do debate do estado do Concello, un dos días de máxima responsabilidade para un alcalde”. Por outra banda, os socialistas afirman que respectan a labor da xustiza e sempre están a disposición para ofrecer datos e documentos, pero inciden na “absoluta necesidade de que os procesos, unha vez abertos, sexan resoltos de forma áxil, porque do contrario fan un grave dano que se prolonga no tempo e que despois, sexa cal sexa a resolución, ten unha pegada inxusta e irreparable”, como xa sucedeu en dúas ocasións con López Orozco.

Exit mobile version