OS SOCIALISTAS DE CERVO LAMENTAN QUE O CONCELLO NON POIDA CONTAR CUN OBRADOIRO DE EMPREGO EN EXCLUSIVA
-Subliñan que son 297 os parados rexistrados no municipio, “é incompresible que tanto a Xunta como o Concello continúen recortando en políticas de fomento do emprego”
CERVO, 9 DE NOVEMBRO. Os socialistas de Cervo lamentan que o Concello non poida contar cun obradoiro de emprego en exclusiva como viña sendo habitual nos últimos anos, “tanto a Xunta como o Concello amosan así o pouco interese e esforzo que adican ás políticas de fomento do emprego”.
Hoxe en día, en Cervo, contamos cun total de 297 parados e o número de desempregados vai cada vez a máis, aseguran que “dende o actual goberno as medidas en favor da creación de emprego son mínimas. É unha mágoa que neste momento de dificultade económica non primen actuacións contra o paro que afecta ós nosos veciños”.
Dende o GMS subliñan que compartir o obradoiro de emprego con outros dous concellos “diminúe o número de prazas e de oportunidades para os nosos veciños. É incomprensible que recorten neste tipo de medidas coas que se favorece a formación e inserción laboral de moitos desempregados, mulleres e xóvenes que loitan cada día por mellorar o seu futuro”.
Precisamente en relación á xuventude e á mala situación que se están atopando para encontrar un oco no mundo laboral, os socialistas afirman que “ademais de demandar os obradoiros de emprego que favorecen ós maiores de 25 anos, o noso alcalde, Alfonso Villares, debera ter moi en conta a posibilidade de solicitar as chamadas escolas obradoiro, destinadas á formación e inserción dos rapaces entre 16 e 25 anos no mercado de traballo”.
Engaden que “son moitos os mozos e mozas cervenses que o están pasando mal porque as ofertas de emprego actualmente son moi escasas. O Concello podería así ofrecerlles formación cualificada e darlles unha boa oportunidade de ter o seu primeiro contacto co mercado laboral”.