Site icon Crónica3.com A Mariña

O secretario xeral do PSOE en Lugo cre conveniente que o partido se modernice para adaptarse á sociedade

Gómez Besteiro: “A sociedade non é nin parecida a hai vinte anos, e é conveniente que o PSdeG se modernice”

-O secretario xeral do PSdeG en Lugo destacou como “importante” o “espíritu construtivo” do Comité e que Pachi Vázquez manifestase “que desde a súa posición vai traballar e apoiar a quen saia elixido no Congreso”

-“Desde as eleccións, no PSdeG de Lugo xa houbo reunións en todas as comarcas e temos analizado polo miúdo os resultados; e iso tranmitirémosllo tamén á dirección de Galicia”, afirmou

O secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou esta mañá ante os medios que no Comité Nacional celebrado o sábado en Compostela o partido “fixo unha autocrítica sana de que os resultados do PSdeG non foron uns bos resultados”. Gómez Besteiro afirmou que “hai que empezar por centrarse en que situación estamos para reflotar o partido, volver dar garantías e conseguir a confianza dos cidadáns, e obter credibilidade”. Iso, engadiu, “obtense facendo cousas ben feitas durante moito tempo, non no inmediato. Hai que empezar a facer as cousas ben feitase durante un tempo máis ben longo para recuperar esa credibilidade”, dixo.

O proceso pasa, apuntou, “por identificar onde están os problemas, que aconteceu e que situación estamos vivindo. A sociedade é cambiante, non é nin parecida á que tiñamos hai vinte anos, e é conveniente que o PSdeG se modernice e se adapte á sociedade”.

Sobre as intervencións do sábado, o secretario xeral lucense definiu o acto como “un Comité Nacional de debate, onde cada un deu a súa opinión, e ademais foi respetuoso, e iso é o importante”. Agora “haberá unha folla de ruta, cun novo Comité en xaneiro onde xa decidiremos o proceso congresual e se é extraordinario ou ordinario”. No referente á intervención de Pachi Vázquez, Gómez Besteiro destacou que o secretario xeral “manifestou algo que era importante que manifestase: que desde a súa posición de secretario xeral vai traballar para chegar ben a ese Congreso, e que ademais el vai apoiar a quen saia elixido nese Congreso”, o que calificou de “ boas noticias”.

“Sobre todo destacaría que no fondo de todas as intervencións había un espíritu construtivo positivo, e é importante, porque poderiamos estar nunha situación na que a xente se tirase os trastos á cabeza sen ánimo de construír. Nin unha soa, e estiven ata o final ata as doce da noite, foi unha actitude crítica destrutiva, todo o contrario”, insistiu.

Besteiro destacou ademais o traballo realizado na provincia e que comezou en menos de 48 horas despois de coñecer os resultados do 21-O. “Desde as eleccións, no PSdeG de Lugo xa fomos a reunións en todas as comarcas, xa temos analizado polo miúdo os resultados aquí, e iso transmitirémosllo tamén á dirección de Galicia, ese traballo que estivemos facendo durante case dez días posterior ás eleccións”, dixo, no que palparon “que o partido socialista é máis importante que nunca se cabe como referencia de futuro”. “É como eu o vexo, e comigo o ve moita parte deste partido”, concluíu.

Exit mobile version