Site icon Crónica3.com A Mariña

Patrimonio castrexo focego

PATRIMONIO CASTREXO FOCEGO

Os Castros son restos de poboados fortificados espallados principalmente por Europa nas idades de Bronce e de Ferro (3000 a 1000 anos a. de C.) que subsistiron ata a Idade Media, proliferando sobre todo polo Noroeste da península como elementos definitorios da cultura prerromana ou castrexa, que responden ás seguintes tipoloxías: de interior, de montaña ou costeiros, dos que en Foz temos un arquetipo dos últimos: o castro de Fazouro, e que recentemente descubríronse novos emprazamentos pola beiramar. Calcúlase que en Galicia existan uns tres mil castros dos distintos tipos, deles só un medio cento están escavados; actuación que no de Fazouro realizouse a primeira vez polos anos sesenta do pasado século, sendo mais tarde obxecto de novas investigacións e restauracións. Lévanse atopados nel muíños de man, diversas cerámicas, puntas de frecha e moedas do S.I. d. de Cristo , o que demostra que aínda estaba habitado na época romana. Calcúlase que o castro ten uns 2500 anos. A eventualidade dunha tala arbórea en monte de San Martiño, moi preto daquela basílica, no concello de Foz, puxo de actualidade a existencia doutro castro do que este cronista non tiña coñecemento nin a estas alturas conta con datos acerca das características do mesmo que poida trasladar ós seus lectores. De tódolos xeitos a nova é un feito gozoso que, sen dúbida, ven a enriquecer o patrimonio histórico da bisbarra e a incrementar o interese cultural do lugar, a carón da vella igrexa de San Martiño, recoñecido o seu valor histórico e monumental, elementos que no seu conxunto, engadidos os etnográficos dos muíños de rego e os hórreos, debidamente tratados, uns e mais os outros, deberían converterse en espazo de sinalado atractivo para turistas en xeral e especialmente para aquelas persoas amantes da cultura na súa mais ampla expresión. Agora a expectativa é: que vai ser do que a veciñanza coñece por “o Castro de Lelle”?. San Martiño coa súa basílica, o castro descuberto, os muíños pola beira do Centiño, os hórreos e a arte de Caxigueiro que ten alí mesmo o seu obradoiro, ben pode dicirse que nel se compendia a pegada da tradición popular e a cultura do noso pobo.

Suso Fernández

Exit mobile version