Site icon Crónica3.com A Mariña

Políticas de prevención e implicación social e política son centrais para acabar cunha violencia que se amosa estrutural, asegura Espazo Ecosocialista

Declaración no Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Políticas de prevención e implicación social e política son centrais para acabar cunha violencia que se amosa estrutural

Espazo Ecosocialista considera á violencia de xénero como a manifestación extrema da desigualdade real existente entre mulleres e homes e polo tanto faise necesario impulsar unha loita activa dende todos os ámbitos de actuación posibles, sociais, políticos, económicos e culturais, que permita a superación dos actuais obstáculos que dificultan ou imposibilitan a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

O dereito a vivir dignamente, en liberdade e sen vulneración da integridade persoal, tanto física como psicolóxica, forma parte inalienable dos dereitos humanos universais. Espazo Ecosocialista lembra que a violencia de xénero supón a vulneración máis frecuente dos dereitos humanos no mundo e a súa causa hai que búscala na discriminación que sofren as mulleres respecto aos homes. Polo que @s ecosocialistas defenden a igualdade de dereitos en todo aquilo que teña que ver con raza, etnia, xénero ou orientación sexual.

A violencia contra as mulleres adopta moitas formas: física, sexual, psicolóxica e económica. Estas formas de violencia poden interrelacionarse e afectan ás mulleres dende o nacemento ata a vellez. Algúns tipos de violencia, como o tráfico de mulleres, cruzan as fronteiras nacionais. O 80% das vítimas do tráfico de persoas, entre 500.000 e 2 millóns de persoas cada ano, son mulleres e nenas. A mutilación dos órganos sexuais femininos, o asasinato por causa da dote ou a violencia sexual durante conflitos bélicos son graves atrocidades que actualmente afectan a millóns de mulleres e nenas.

Inda que nos países onde os dereitos das mulleres non están contemplados nin se queira formalmente, a situación é especialmente desesperada, a violencia de xénero non se confina a unha cultura, rexión ou país específico, nin a grupos particulares de mulleres. O recurso á violencia está presente en todos os países e en todos os niveis e ten moito que ver con aspectos sistémicos estruturais.

En Galicia, no que vai de 2012, tres mulleres foron vítimas mortais por violencia de xénero. Os tres agresores tiñan ou tiveran unha relación de parella coas vítimas. A violencia física infrinxida ás mulleres polas súas parellas adoita ser a forma máis común de violencia experimentada polas mulleres a nivel mundial.

Para @s ecosocialistas, estes datos sobre victimas mortais por violencia de xénero son a punta do iceberg do problema da violencia contra as mulleres. Entre xaneiro e xuño de 2012 presentáronse 2.352 denuncias por violencia de xénero na nosa comunidade. Asemade, nos primeiros 10 meses de 2012, o servizo de información e asesoramento xurídico en violencia de xénero (teléfono 016) atendeu 2.163 chamadas en Galicia.

A percepción maioritaria de que a violencia é unha realidade bastante estendida contrasta coa pequena minoría da poboación (10% segundo o estudo do observatorio para a violencia de xera) que di ter coñecemento dela a través da súa experiencia cotiá: mulleres cércanas, ámbito laboral ou experiencia propia. Espazo Ecosocialista considera necesaria políticas para acabar coa invisibilidade da maioría das vítimas da violencia de xénero. Traballar a favor da visibilidade das vítimas é traballar a prol dunha sociedade sen violencia de xénero.

Espazo Ecosocialista quere lembrar tamén neste 25N aos menores obxecto de violencia xénero que moitas veces non aparecen nas estatísticas e informes sobre violencia de xénero. A violencia de xénero produce efectos directos sobre as nenas e os nenos que son testemuñas ou que conviven nun ambiente violento. Polo tanto, cando as mulleres vítimas da violencia de xénero son nais se debe ser consciente que hai máis dunha vítima.

Entre as medidas a adoptar para acabar coa violencia de xénero deben destacar as dirixidas á prevención.

Espazo Ecosocialista formula que a desaparición da violencia de xénero só será posible a traves da transformación social, cando se consiga modificar o papel que a muller xoga na sociedade e se consiga que a posición entre homes e mulleres se iguale en todos os aspectos, traballo, política, familia e vida social en xeral. Animando aos homes e ás mulleres a traballar conxuntamente nos novos papeis que a sociedade demanda.

Espazo Ecosocialista considera que se debe afondar tamén no fortalecemento das infraestruturas existentes que dan cobertura as necesidades que aparecen cando se producen casos de violencia de xénero. Neste senso, @s ecosocialistas queremos facer unha mención especial ao esforzo das organizacións de mulleres especializas en traballar con vítimas da violencia de xénero e solicitamos ás institucións públicas que apoien o traballo desenvolto dende estas organizacións.

Para @s ecosocialistas outras actuacións importantes incluirían medidas educativas e de formación. A educación debe partir do recoñecemento da desigualdade e de que as relacións de xénero están omnipresentes en todos as dimensións da sociedade. Deben existir programas de educación para a igualdade en todos os niveis do ensino que consigan a transformación real da sociedade. Neste ámbito, a coeducación como un dos principais eixes cara a desaparición da discriminación por xénero. En canto a formación, Espazo Ecosocialista apoia a formación dos diferentes grupos profesionais implicados na prevención e tratamento da violencia de xénero, dende a avogacía ata as persoas adicadas ao traballo social, o persoal sanitario, o profesorado…

Para Espazo Ecosocialista as medidas lexislativas e xudiciais son centrais na loita contra a violencia de xénero. O sistema xudicial debe estar orientada para axudar e non para poñer trabas ás mulleres maltratadas, como en ocasións acontece. A política de recortes na xustiza son, nese senso, engaden vulnerabilidade nas mulleres maltratada se acosadas.

Espazo Ecosocialista quere aproveitar a conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero para afondar na construción dunha sociedade con plena igualdade entre homes e mulleres, que é a única sociedade onde será posible a desaparición da violencia de xénero.

Exit mobile version