Site icon Crónica3.com A Mariña

Propoñen apostar pola diferenciación dos produtos do mar galegos na clausura das xornadas de pesca de Celeiro

A conselleira do Medio Rural e do Mar en funcións clausurou en Celeiro as XVII Xornadas técnicas de difusión do sector pesqueiro

ROSA QUINTANA APOSTA POLA DIFERENCIACIÓN DOS PRODUTOS DO MAR GALEGOS PARA ACADAR UNHA BOA POSICIÓN NO MERCADO

A conselleira do Medio Rural e do Mar en funcións destacou o gran valor deste encontro porque contribúe ao coñecemento e modernización do sector pesqueiro

Celeiro (Viveiro), 17 de novembro de 2012.- A conselleira do Medio Rural e do Mar en funcións, Rosa Quintana, aposta pola diferenciación dos produtos do mar galegos para acadar “unha boa posición no mercado”. Díxoo durante a clausura das XVII Xornadas técnicas de difusión do sector pesqueiro, celebradas en Celeiro, onde a conselleira definiu esta iniciativa como “unha folla de ruta para traballar no futuro do sector pesqueiro galego, español e mundial”.

Rosa Quintana tamén recalcou a importancia de conseguir mantendo a competitividade do sector pesqueiro que pasa pola potenciación do I+D+I e por investir na pesca sustentable para achegar vantaxes na competencia global. Neste sentido, reiterou a aposta do seu departamento por acadar unha actividade sustentable nos eidos económico, social e ambiental, ao tempo que trasladou que “por este motivo debemos desenvolver accións que aseguren unha competencia xusta e igualitaria nestes eidos”.

A conselleira tamén fixo referenza á necesidade de promover unha estrutura integrada ante a extracción, a transformación e a comercialización como fórmula para crear valor engadido porque “Galicia debe ser exemplo de unidade e coordinación, facendo deses valores a base do futuro”, dixo.

A titular de Medio Rural e do Mar destacou a importancia de levar a cabo xornadas coma esta porque achegan novas formas de actuación e novos modos de ver e enfocar os cambios que día a día se producen no noso sector marítimo e poñen de manifesto unha vez máis que, no mundo da pesca, “a nosa Comunidade é un referente e unha potencia á que hai que mirar con respecto e atención” sentenciou.

Exit mobile version