Site icon Crónica3.com A Mariña

Teatro e exposicións centran a programación cultural de outono do concello de Burela

TEATRO E EXPOSICIÓNS CENTRAN A PROGRAMACIÓN CULTURAL DE OUTONO DO CONCELLO DE BURELA.

Burela, 5 de novembro de 2012. Teatro profesional, teatro afeccionado para adultos e para nenos e nenas e exposicións centran a programación cultural de outono do Concello de Burela que foi presentada esta tarde no concello pola edil Mónica Pedre e o alcalde, José Mª González Barcia.

Pedre explicou que “teremos teatro profesional xa o 16 de novembro ás 21:00 horas. En Burela estará Quequé, cun monólogo titulado Sesión Golfa. Este monologuista compartiu plató con Eva Hache, traballou para Paramount Comedy e tamén no Clube da Comedia. O seu espectáculo é de humor para adultos, onde o protagonista non dubida en rirse de todo, incluso de sí mesmo”.

A concelleira de Cultura sinalou que “este outono apostamos polo teatro afeccionado, potenciando o teatro de compañías de Concellos veciños. En primeiro lugar temos xa este venres, 9 de novembro, ás 21:00 horas o grupo de teatro A Adala de Fazouro coa obra titulada Atoados, dirixida por Francisco Piñeiro. O 23 de novembro tamén ás 21:00 horas temosa o grupo de Alfoz Raiolas, que farán a dramatización da obra O Chufón e estarán dirixidos por José Vázquez Peinó. Para rematar as obras de novembro para adultos teremos o día 30 ao grupo de teatro O Bordelo de Cervo, que levarán a escena a obra Fume de carozo, ás 21:00 horas no auditorio da Casa da Cultura”.

Mónica Pedre seguiu a relatar que “tamén en novembro, pero para o público infantil contaremos co grupo Alentía Teatro de Palas de Rei, que porán en escea a obra O bosque da poesía, do Proxecto Buxiganga, esta obra será ás 18:00 horas o sábado 17 de novembro. E en decembro contaremos co grupo de teatro Ardora de San Cibrao, que estarán na Casa da Cultura de Burela ás 21:00 horas do día 14, que representará Acernos”.

A programación cultural de outono do Concello de Burela inclúe diferentes exposicións, que poderán visitarse en horario de 10:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 20:00 horas de luns a venres e os sábados de 18:00 a 20:00 horas.

Mónica Pedre indicou que “desde o pasado venres e ata 29 de novembro poderase visitar na Sala de Arte da Casa da Cultura unha exposición de H. Xeada, unha obra que leva por título Xeada en su mundo. Dita obra consta de 20 cadros, elixidos polo artista nado en Adelán. Esta colección que presenta tardou en pintala un ano e nela hai un cadro adicado ao torques de Burela. Desde hoxe e ata o 9 de novembro contamos coa exposición Aves de Galicia, organizada pola Concellería de Medio Ambiente e para rematar do 16 de novembro ao 14 de decembro podemos visitar a exposición de Antonio Robalo, que leva por título Despertar”.

Pedre e González Barcia animan “aos veciños e veciñas de Burela a disfrutar da programación cultural que elaboramos para este outono de 2012”.

Exit mobile version