Site icon Crónica3.com A Mariña

Teatro, música e radio centrarán a campaña de sensibilización en igualdade en centros educativos de Ribadeo

OS RAPACES DE 3º E 4º DE ESO PARTICIPARÁN O VENRES, 23 DE NOVEMBRO, NUN CONCERTO ACÚSTICO CON SÉS.

Ribadeo, 21 de novembro de 2012. O teatro, a música e a radio centrarán a oitava edición da campaña de sensibilización en igualdade nos centros educativos Un futuro por compartir en igualdade que organizan as Concellarías de Igualdade e Mocidade, o CIM e a Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ribadeo.

Dentro das actividades programadas para estes días os alumnos de 3º e 4º de ESO participarán nun concerto acústico con Sés, Mª Xosé Silvar, “que xa tivemos a oportunidade a través doutro curso que se fixo en xuño de disfrutar dun concerto, de poder falar con ela e de ver a súa rama pedagóxica”, apuntan desde a Concellaría de Igualdade. As charlas de Sés e o concerto que ofrecerá co seu guitarrista serán o venres, 23 de novembro, entre as 10:30 e as 12:30 da mañá. A esta actividade acudirán 256 rapaces e rapazas de ESO. Esta cita servirá para conmemorar o día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

Na oitava edición de Un futuro por compartir en igualdade, que se presentaba hai uns días no Concello de Ribadeo, participan os colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón, o IES Dionisio Gamallo Fierros e o ciclo de FP Porta da Auga.

Exit mobile version