Site icon Crónica3.com A Mariña

Un centenar de persoas coñecerá esta semana as ribeiras do Sil en catamarán co programa Km0 da Deputación

Un centenar de persoas coñecerá esta semana as ribeiras do Sil en catamarán co programa Km0 da Deputación

– A delegación focense da Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural, a Sociedade Micolóxica Lucus e un grupo de persoas anotadas de xeito individual solicitaron as rutas

– A Deputada de Economía, Pilar García Porto, recibiu este martes a 48 integrantes da asociación veciñal Gatos Roxos das Gándaras, que percorreron o Courel

Un centenar de persoas coñecerá esta primeira semana de novembro as ribeiras do río Sil e o seu entorno grazas ó programa medioambiental Km0, posto en marcha pola Deputación co obxectivo de fomentalo turismo interior aproveitando os recursos medioambientais da provincia. A delegación en Foz de AFAMMER (Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural), a Sociedade Micolóxica Lucus e un grupo de persoas anotadas de xeito individual demandaron as rutas, que terán lugar mañá mércores, xoves e sábado.

Dous destes grupos, o de persoas anotadas de xeito individual e o da sociedade micolóxica Lucus, farán, o mércores e o sábado, respectivamente, a nova ruta desta 5ª tempada de Km0: a que combina itinerarios en tren turístico e catamarán polos viñedos e adegas da Ribeira Sacra, con un percorrido polas igrexas románicas. Pola súa banda, AFAMMER de Foz optou por unha ruta en catamarán pola zona de Amandi.

En canto ó cuarto grupo desta semana, a Asociación Veciñal Gatos Roxos, percorreu este martes O Courel. A Deputada de Economía, Facenda e Recadación, Pilar García Porto, recibiu no Salón de Actos de San Marcos a 48 persoas do colectivo, que, tras saír da Deputación, coñeceron as instalacións da Fundación TIC. Xa no Concello courelés, achegáronse ós castros de Vilar e da Torre, e á aldea de Seceda, e comeron no camping da localidade.

Como anotarse

Os interesados en participar en Km0 poden inscribirse chamando ó 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas, quedando excluídos todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425). A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.

Exit mobile version