Site icon Crónica3.com A Mariña

Un total de 348 maiores da Mariña corren o risco de deixar de recibir o servizo de teleasistencia, asegura o BNG

348 MAIORES DA MARIÑA, EN RISCO DE DEIXAR DE RECIBIR O SERVIZO DE TELEASISTENCIA DOMICILIARIA

O responsábel comarcal do BNG asegura que maiores e dependentes do rural constitúen un dos colectivos que máis está a padecer as consecuencias de decisións arbitrarias do Goberno do Estado e a Xunta de Galiza

A Mariña, 10 de novembro de 2012. Un total de 348 maiores da comarca da Mariña corren o risco de deixar de recibir o servizo de Teleasistencia Domiciliaria en 2013 polo que, o responsábel comarcal do BNG, Antonio Veiga, considera “un capricho” do Goberno central que decidiu, dacordo a “criterios arbitrarios” suprimir do proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro ano a partida orzamentaria dedicada a este fin.

Neste senso, dende o BNG demandan á ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Ana Mato, que explique a que se refire que a eliminación de dito servizo se deba a aplicación “dun criterio de racionalización e de eficacia administrativa na distribución do orzamento”, pero aseguran que “con independencia das explicacións que a ministra poida ofrecer este argumento reflexa claramente o obxectivo do Goberno: controlar o déficit a calquera prezo”.

Veiga insiste en que un dos colectivos máis afectados polas políticas de corte neoliberal que están pondo en marcha os gobernos central e autonómico é o dos maiores e dependentes. “Primeiro foi o desmantelamento da Lei da Dependencia que diminuíu considerablemente a prestación económica que reciben os dependentes, até nun 90 por centro nalgúns casos, e deixou sen cotización á seguridades social aos familiares coidadores, logo o copago das menciñas, o pago de próteses e transporte en ambulancia, a supresión, por parte da Xunta de Galiza do seu apoio financeiro ao Servizo de Axuda no Fogar básico de todos os concellos da provincia agás o de Lugo e agora a eliminación da Teleasistencia Domiciliaria”.

Para a formación nacionalista “esta medida do Executivo de Rajoy contribúe non só a mermar a calidade de vida dos maiores e dependentes senón tamén ao despoboamento dos núcleos rurais lucenses en canto a Teleasistencia Domiciliaria permitía aos usuarios e usuarias permanecer no seu medio habitual de vida, neste caso, nas aldeas, evitando o seu desarraigo e proporcionándolles seguridade ante calquera situación; motivos polos que pedimos ao Goberno que rectifique a súa posición”.

Exit mobile version