XA ESTÁN Á VENDA 4.000 CROMOS ADHESIVOS DOS XOGADORES, ADESTRADORES E DELEGADOS DA SD RIBADEO E A REPORTAXE AUDIOVISUAL SOBRE A HISTORIA DO CLUB.
Os cromos poden comprar nos establecementos ribadenses Eurekakids, Gráficas Santiago, Multitienda Teresa e Rasca e Pica. Cada paquete de oito adhesivos véndese a un euro. Esta nova iniciativa está espertando gran interese ?e proba diso é que nas primeiras horas desde que se puxeron á venda os cromos xa se vendeu unha gran cantidade e esgotáronse os que había distribuídos nas tendas?, como explicou o director deportivo da SD Ribadeo, Germán Vale Varela, quen anunciou que mañá, mércores, xa estarán de novo á venda.
O documental sobre os oito anos de historia e o presente do club en formato DVD elaborado por Servizos Audiovisuais O Farero, de Ribadeo, está á venda neste establecemento e tamén se pode comprar na cantina do club durante os fins de semana e a través da páxina web www.sdribadeo.info. O prezo é de dez euros.
Tanto o álbum de cromos como o documental sobre a SD Ribadeo foron presentados durante a gala que se celebrou na tarde noite de onte, luns, no Cine Teatro ribadense, que estivo abarrotado de público para presenciar o evento.
A gala, que foi conducida polo xornalista deportivo da Televisión de Galicia Terio Carreira, contou coa participación de dúas ex xogadores de Primeira División (o brasileiro Donato e o ribadense Docobo), tres compoñentes do actual persoal do CD Lugo (Belforti, Fran Pérez e Iago Díaz) e o xefe de Deportes de Radio Nacional de España en Galicia, Pepe García. Todos eles responderon a numerosas preguntas efectuadas polos xogadores das diferentes categorías da SD Ribadeo.
Entre as autoridades asistentes ao acto estiveron o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e o xefe provincial de Deportes da Xunta, Manuel Otero.
Ante o éxito que supuxo a celebración desta primeira gala, os responsables da SD Ribadeo xa están pensando en organizar a segunda edición o próximo ano.